A Xunta abre o prazo para solicitar os avais para a compra da primeira vivenda, cun orzamento de 5 M€ | Observatorio de Vivenda

A Xunta abre o prazo para solicitar os avais para a compra da primeira vivenda, cun orzamento de 5 M€

A Xunta abre o prazo para solicitar os avais para a compra da primeira vivenda, cun orzamento de 5 M€

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, informou a apertura do prazo para solicitar os avais da Xunta destinados a facilitar a compra da primeira vivenda, unha medida coa que o Goberno galego busca favorecer o acceso á vivenda, especialmente entre a mocidade.

A conselleira realizou este anuncio durante unha visita á vivenda de Susana e David, unha parella nova con dous fillos, que puido adquirir a súa casa coa colaboración da Xunta a través deste programa. Durante o encontro, Allegue agradeceu que lles abrisen as portas do seu fogar e destacou que para a Administración autonómica resulta especialmente satisfactorio comprobar como as axudas públicas cumpren o seu obxectivo e permiten que familias galegas accedan á súa vivenda.

Segundo lembrou, o prazo para solicitar estes avais permanecerá aberto ata o 30 de outubro, cunha dotación de ata 5M€. A través desta iniciativa, a Xunta avala ata o 20 % do prezo de adquisición da vivenda, que complementa o financiamento que concede a entidade bancaria, facilitando así que mozos e familias poidan afrontar a compra do seu primeiro fogar.

A conselleira lembrou que os menores de 36 anos poden acollerse a estes avais para adquirir a súa primeira vivenda, mentres que no caso da compra de vivenda protexida non existe límite de idade, unha novidade incorporada na convocatoria do pasado ano co obxectivo de ampliar o acceso a este instrumento de apoio.

Desde a posta en marcha do programa no ano 2023, a Xunta concedeu 219 avais por un importe superior aos 4 millóns de euros, o que permitiu apoiar a numerosas persoas no acceso á vivenda.

Allegue tamén destacou que estes avais son compatibles con outras liñas de axuda da Xunta para a adquisición de vivenda, entre elas as destinadas a mozos menores de 36 anos que residan en concellos de menos de 10.000 habitantes, así como as axudas para a compra en cascos históricos e para a adquisición de vivenda protexida.

Neste sentido, avanzou que a Xunta convocará este mesmo mes as axudas para a compra de vivenda protexida e en centros históricos, tal e como anunciou recentemente no Parlamento o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Respecto ás axudas dirixidas a menores de 36 anos en concellos de menos de 10.000 habitantes, a conselleira indicou que a súa convocatoria continúa pendente da aprobación do novo plan estatal de vivenda por parte do Goberno central, polo que volveu reclamar que se axilice a súa tramitación para poder activar estas achegas.

A conselleira concluíu reiterando o compromiso da Xunta de seguir impulsando medidas que faciliten o acceso á vivenda en Galicia, con especial atención á mocidade.

Requisitos

Poderán acceder a estes avais as persoas menores de 36 anos, con nacionalidade española ou dun país da Unión Europea ou, no caso de estranxeiros, con autorización de estancia ou residencia en España, e ingresos entre 2 e 5,5 veces o Iprem, podendo incrementarse cando a adquisición se realice por máis dunha persoa. Nese caso o límite máximo dos ingresos conxuntos dos adquirentes poderá acadar 6,5 Iprem.

O prezo máximo de adquisición da vivenda estará entre 180.000 e 260.000 euros, segundo o ámbito territorial do concello no que se emprace a mesma.

No caso de vivendas protexidas, o prezo máximo das mesmas será o establecido na cualificación definitiva.

Fonte.- Xunta de Galicia