A Xunta adxudica a Temperaturas Extremas Arquitectos a redacción do proxecto para a construción de 244 vivendas públicas en Salgueiriños, en Santiago | Observatorio de Vivenda

A Xunta adxudica a Temperaturas Extremas Arquitectos a redacción do proxecto para a construción de 244 vivendas públicas en Salgueiriños, en Santiago

A Xunta adxudica a Temperaturas Extremas Arquitectos a redacción do proxecto para a construción de 244 vivendas públicas en Salgueiriños, en Santiago

O xurado vén de fallar o concurso de ideas para o deseño da ordenación dunha parcela de equipamento en Salgueiriños, en Santiago de Compostela, así como da redacción dos proxectos e dirección de obra dos edificios destinados a vivendas de promoción pública e a redacción do anteproxecto dunha residencia xuvenil. Así, o equipo Temperaturas Extremas Arquitectos S.L.P (formado por Atxu Anman Alcocer, Andrés Canovas Alcaraz e Nicolás Mauri González de Mendoza) encargarase destes traballos.

Na parcela de Salgueiriños obxecto deste concurso a Consellería de Vivenda e Infraestruturas construirá 244 vivendas de promoción pública e habilitará unha parcela para que a Consellería de Cultura e Xuventude constrúa unha residencia xuvenil de 150 prazas.  En total a Xunta prevé investir 50 millóns de euros nesta iniciativa.

O gañador do concurso encargarase dos seguintes traballos por 1,8M€ (IVE incluído):

  • Redacción da proposta de nova ordenación da parcela.
  • Redacción do proxecto de urbanización
  • Redacción dos proxectos de edificación das vivendas de promoción pública e dirección das obras de construción.
  • Redacción do anteproxecto da residencia xuvenil

O xurado considera que a proposta gañadora, Os camiños da nova vida, ofrece unha solución sensible e rigorosa na definición espacial e técnica das diferentes escalas ás que ten que dar resposta. Unha solución baseada nunha proposta en forma de mazá fragmentada, unha distribución eficiente e unha alta capacidade de interacción social con optimización das zonas verdes.

Proposta

A proposta articula os bloques de vivenda de tal maneira que acollen un espazo interior público. Dá especial importancia aos materiais e a cor, reservando o diferenciador para a residencia estudantil e por tanto resultando facilmente lexibles, dentro da mazá aberta, as pezas perimetrais de uso residencial e a peza dotacional situada como cuarto lateral da mazá.

En canto á urbanización valórase a incorporación do río Corgo como un elemento do bordo da actuación.

No referente á organización e distribución das vivendas, valórase a definición e concreción en detalle realizada, son adecuadas e responden con eficiencia e funcionalidade aos programas expostos. Valórase positivamente a organización en pezas de pequeno tamaño que agrupan 4 vivendas por planta servidas desde un corredor interior que permite minimizar os núcleos de comunicacións a 6.

Paneis da proposta gañadora:  Os camiños da nova vida

Fonte.- Xunta de Galicia