A Xunta adxudica á UTE IP-MAM a redacción do proxecto para a construción de 316 vivendas de promoción pública en Elviña, na Coruña | Observatorio de Vivenda

A Xunta adxudica á UTE IP-MAM a redacción do proxecto para a construción de 316 vivendas de promoción pública en Elviña, na Coruña

A Xunta adxudica á UTE IP-MAM a redacción do proxecto para a construción de 316 vivendas de promoción pública en Elviña, na Coruña

O xurado vén de fallar o concurso de ideas para o redacción do Proxecto de Interese Autonómico (PIA) e do proxecto de urbanización dun ámbito en Elviña, na Coruña, así como a redacción dos proxectos dos edificios destinados a vivendas e aloxamentos protexidos e a dirección das obras e redacción do anteproxecto dunha residencia xuvenil neste ámbito. Deste xeito, a UTE IP-MAM (formada por Irisarri-Piñera S.L.N.E.P. e Pablo Menéndez S.L.U.) será a encargada destes traballos.

Na parcela de Elviña obxecto do concurso, propiedade da Xunta de Galicia, a Consellería de Vivenda e Infraestruturas construirá un total de 316 fogares públicos, dos que 150 serán aloxamentos compartidos para menores de 36 anos, e habilitará unha parcela para que a Consellería de Cultura e Xuventude constrúa unha residencia xuvenil de 150 prazas. En total, a Xunta prevé investir 50 millóns de euros nesta iniciativa.

O gañador do concurso encargarase dos seguintes traballos por importe de 2.292.359 euros:

  • Redacción da proposta de nova ordenación da parcela a través dun proxecto de interese autonómico (PIA)
  • Redacción do proxecto de urbanización
  • Redacción dos proxectos de edificación das vivendas de promoción pública e dirección das obras de construción
  • Redacción do anteproxecto da residencia xuvenil

A proposta gañadora, 6 Carreiros, xera tres grandes mazás, cada unha destinada a un dos tres usos contemplados no programa do concurso. Deste xeito, na primeira mazá proxéctanse 166 vivendas, na segunda 150 aloxamentos compartidos e na terceira resolvese o programa da residencia para xoves.

Proposta

A edificación que conforma cada maza desenvolvese entorno a un gran espazo central, delimitado en altura pero que na planta baixa, garanten a permeabilidade das circulacións mediante corredores de biodiversidade que permiten a conexión entre a zona sur do campus e a zona norte do núcleo residencial existente. Esta disposición permite destinar unha maior superficie a espazos libres e xerar zonas verdes de dimensións máis axeitadas e mellor estruturadas ca noutras ofertas.

O xurado considerou que a proposta é a que mellor responde aos obxectivos establecidos en materia de calidade do espazo público e de integración urbana, entendida esta como a relación coa contorna urbana preexistente —o núcleo de Elviña, ao leste, e o campus universitario, ao oeste—, xa que incorpora espazos libres á estrutura urbana do núcleo de Elviña e actúa como unha zona de transición que enlaza ámbitos urbanos con usos e características moi diferentes.

A adaptación da urbanización e dos percorridos ás condicións do lugar e as zonas verdes xeradas favorecen unha integración máis natural da ordenación no terreo, fronte a outras solucións centradas principalmente na organización interna do ámbito. O proxecto asume que os novos espazos contribúen a xerar valor urbano no conxunto da área lindeira, mellorando as conexións e a accesibilidade do lugar.

Desde a perspectiva da calidade urbana, a disposición das edificacións permite conformar espazos públicos ben definidos, que contribúen ao obxectivo de crear un ámbito de convivencia e comunidade para a mocidade, cunha escala axeitada para o uso cotián e con capacidade para acoller actividades de encontro e estancia, fortalecendo así a vida comunitaria.

Paneis da proposta gañadora: 6 Carreiros

Fonte.- Xunta de Galicia