A Xunta apoia o sector da construción no encontro anual de Apecco | Observatorio de Vivenda

A Xunta apoia o sector da construción no encontro anual de Apecco

A Xunta apoia o sector da construción no encontro anual de Apecco
  • O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes e as conselleiras de Medio Ambiente e Cambio Climático e de Vivenda e Planificación de Infraestruturas participaron na entrega de distincións da Asociación Provincial de Empresarios da Construción da Coruña

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, participaron na entrega de distincións do VI Encontro anual da Asociación Provincial de Empresarios da Construción da Coruña (Apecco). Ao evento asistiron tamén ás delegadas da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e en Ferrol, Martina Aneiros. Trátase dun encontro consolidado que ten como obxectivo poñer en valor as empresas construtoras da provincia da Coruña, recoñecer a fidelidade dos membros da asociación e reforzar a colaboración coas administracións públicas.

Previamente, M. Allegue clausurou a Asemblea Xeral da asociación, e na súa intervención recoñeceu o esforzo do sector e o seu papel “para seguir avanzando para transformar os proxectos en obras, xerar emprego e o desenvolvemento económico”. A conselleira puxo de relevo a especial colaboración da Administración autonómica co sector da construción e incidiu na aposta da Xunta para impulsar a actividade e avanzar en vivenda e infraestruturas.

Lembrou o forte impulso das políticas de vivenda, e puxo como exemplo do compromiso coa vivenda as actuacións na cidade da Coruña, onde están en marcha máis de 1.000 vivendas públicas, cun investimento próximo aos 200 millóns de euros. Salientou tamén os investimentos en infraestruturas de altas prestacións na provincia que a Xunta ten en marcha, entre elas a prolongación da autovía da Costa da Morte, a AG-59 ou a conversión en autovía do corredor Brión-Noia.

Xunta de Galicia