A Xunta asina co concello de Teo o convenio de cesión dunha parcela municipal na Ramallosa para construír 37 vivendas públicas, cun investimento estimado de 8,8M€ | Observatorio de Vivenda

A Xunta asina co concello de Teo o convenio de cesión dunha parcela municipal na Ramallosa para construír 37 vivendas públicas, cun investimento estimado de 8,8M€

A Xunta asina co concello de Teo o convenio de cesión dunha parcela municipal na Ramallosa para construír 37 vivendas públicas, cun investimento estimado de 8,8M€

A Xunta asina co Concello de Teo o convenio de cesión dunha parcela municipal na Ramallosa para construír 37 vivendas públicas máis neste municipio, que suporán un investimento de case 8,8M€.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, firmou hoxe este acordo de colaboración coa alcaldesa, Lucía Calvo.

Allegue explicou que a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación conxunta da redacción do proxecto, dirección e obras destas vivendas. O prazo de presentación de ofertas rematará o vindeiro 12 de maio.

Destacou que neste contrato, de igual modo que nos últimos destas características, tamén se está a incluír nos pregos de bases a obrigatoriedade de empregar técnicas industrializadas na construción. A Xunta vén apostando por este sistema, que é máis respectuoso co medio ambiente e permite axilizar os traballos e acurtar tempos.

Sinalou que no caso destas vivendas previstas en Teo se empregarán as técnicas industrializadas na estrutura, na fachada e nos elementos singulares como baños ou núcleos de escaleiras e ascensores.

Puxo en valor a aposta deste Concello pola vivenda, xa que esta é a segunda cesión gratuíta de solo que efectúa á Xunta para construír fogares públicos. Lembrou que o ano pasado Teo foi dos primeiros municipios en ceder solo, daquela unha parcela para edificar 26 vivendas nas Galanas. Detallou que a Xunta xa ten este proxecto redactado e en breve se licitarán as obras.

A conselleira salientou que coas cesións das citadas parcelas por parte do Concello de Teo a Xunta poderá construír arredor de 63 vivendas neste municipio.

Subliñou que a Xunta continuará traballando da man dos concellos e do sector para avanzar no reto de duplicar o parque público residencial. Neste sentido, o Goberno galego vén desenvolvendo a folla de ruta marcada para esta lexislatura e tamén o novo Pacto de Vivenda asinado, que establece que no 2030 Galicia contará cun parque público residencial de 10.000 vivendas.

Fonte.- Xunta de Galicia