A Xunta asina con 4 entidades bancarias os convenios para impulsar o aval dirixido a facilitar a adquisición da primeira vivenda, especialmente para menores de 36 anos | Observatorio de Vivenda

A Xunta asina con 4 entidades bancarias os convenios para impulsar o aval dirixido a facilitar a adquisición da primeira vivenda, especialmente para menores de 36 anos

A Xunta asina con 4 entidades bancarias os convenios para impulsar o aval dirixido a facilitar a adquisición da primeira vivenda, especialmente para menores de 36 anos

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, asinou hoxe en San Caetano convenios de colaboración con Abanca, Caixa Rural Galega, Unicaja e Banco Sabadell para impulsar o aval da Xunta, dirixido a facilitar a adquisición da primeira vivenda, especialmente para persoas menores de 36 anos.

En concreto, o acordo de colaboración foi asinado pola conselleira con Pablo Junceda Moreno, director xeral de SabadellGallego e director xeral adxunto de Banco Sabadell; José Lino Comesaña Calvo, director de Negocio Institucional de Abanca en Galicia, España Norte e Portugal; Jesús Antonio Méndez Álvarez-Cedrón, director xeral de Caixa Rural Galega e Manuel Rubio González, director territorial Noroeste de Unicaja.

Durante o acto, a conselleira destacou a importancia desta colaboración institucional e financeira para apoiar un dos programas máis demandados pola mocidade galega. Explicou que a Xunta destina 5 M€ de fondos propios para avalar os préstamos hipotecarios solicitados por menores de 36 anos, mentres que no caso de vivenda protexida non existe límite de idade para acceder a estes avais.

Allegue sinalou que o aval da Xunta complementa o 80 % do préstamo avalado polas entidades bancarias, polo que o 20 % restante é cuberto pola Administración autonómica, co obxectivo de facilitar a compra desa primeira vivenda.

Indicou que o prazo para solicitar estas axudas abrirá o venres 13 de outubro e se prolongará ata o 30 de outubro.

Desde a primeira convocatoria, en 2023, foron concedidos 219 avais para adquisición de vivenda, co aval da Xunta superior a 4 millóns de euros.

A conselleira subliñou que xa están convocadas a maioría das axudas dependentes de fondos propios da Xunta, como as novas axudas destinadas ao rural para a rehabilitación de vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes, ou a nova convocatoria do programa Fogar Vivo, que rexistrou preto dun cento de solicitudes nos dous primeiros días; así como as axudas destinadas aos concellos para as vivendas da súa titularidade.

Finalmente, Allegue pediu ao Goberno central que acelere a convocatoria do Programa Estatal de Vivenda (PEV),  xa que chegan tarde, lembrando que coa vivenda non se pode xogar.

Fonte.- Xunta de Galicia