A Xunta asina un acordo de colaboración co Sabadell Gallego para o financiamento da promoción de vivenda pública | Observatorio de Vivenda

A Xunta asina un acordo de colaboración co Sabadell Gallego para o financiamento da promoción de vivenda pública

A Xunta asina un acordo de colaboración co Sabadell Gallego para o financiamento da promoción de vivenda pública

A Xunta suma unha nova entidade bancaria para o financiamento da promoción de vivenda pública. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, asinou o acordo de colaboración co director director xeral da entidade Sabadell Gallego , Pablo Junceda.

O obxectivo do acordo, que ten unha vixencia de 4 anos, é facilitar o financiamento da promoción, construción, así como da compra, mediante subrogación, das vivendas protexidas de promoción pública.

O documento establece as liñas de colaboración tanto para préstamos para a construción ou promoción de fogares públicos a través da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal) ou do Instituto Galego da Vivenda (IGVS), como a subrogación deses préstamos a favor das persoas adxudicatarias, no caso de que os inmobles teñan por obxecto a venda, que contarán sempre con protección permanente.

O convenio enmárcase no cumprimento do obxectivo da Xunta para duplicar nesta lexislatura o parque público residencial. A Administración autonómica xa ten en marcha, en diferentes fases de execución, preto de 4.000 vivendas.

Esta liña de colaboración en materia de financiamento foi aprobada no Consello da Xunta do 29 de setembro e o convenio marco publicouse no DOG o 15 de outubro, cando abriu o prazo de solicitudes para que as entidades financeiras puideran adherirse.

Fonte.- Xunta de Galicia