A Xunta asina un convenio de cooperación para o financiamento da promoción de vivenda pública en Galicia co Banco Santander | Observatorio de Vivenda

A Xunta asina un convenio de cooperación para o financiamento da promoción de vivenda pública en Galicia co Banco Santander

A Xunta asina un convenio de cooperación para o financiamento da promoción de vivenda pública en Galicia co Banco Santander

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, asinou un acordo de colaboración para o financiamento da promoción de vivenda pública na comunidade autónoma co director de Banca Institucional do Banco Santander en Galicia, Luis Pernas Hermida, que asistiu acompañado da directora territorial de Banco Santander en Galicia, Rocío Pazos Toba.

O departamento que dirixe M. Allegue suma unha nova entidade bancaria para o financiamento da promoción de vivenda pública. O obxectivo deste acordo, que ten unha vixencia de 4 anos, é facilitar o financiamento da promoción, construción, así como da compra, mediante subrogación, das vivendas protexidas de promoción pública.

O convenio selado en San Caetano recolle as liñas de colaboración tanto para préstamos para a construción ou promoción de fogares públicos a través da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal) ou do Instituto Galego da Vivenda (IGVS), como a subrogación deses préstamos a favor das persoas adxudicatarias, no caso de que os inmobles teñan por obxecto a venda, que contarán sempre con protección permanente.

O acordo rubricado forma parte do cumprimento do obxectivo da Xunta para duplicar nesta lexislatura o parque público residencial. A Administración autonómica xa ten en marcha, en diferentes fases de desenvolvemento, preto de 4.000 vivendas.

Fonte.- Xunta de Galicia