A Xunta avanza en materia de vivenda coa convocatoria das axudas para a adquisición | Observatorio de Vivenda

A Xunta avanza en materia de vivenda coa convocatoria das axudas para a adquisición

A Xunta avanza en materia de vivenda coa convocatoria das axudas para a adquisición

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, deu conta hoxe do Programa de axudas para a adquisición de vivenda do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), que mantén aberto o prazo de solicitude ata o 15 de novembro. Fíxoo durante a visita a unha das beneficiarias do pasado ano, que recibiu unha achega de preto de 8.000 euros.

A actual convocatoria conta cun orzamento de 2 M€ co que O Goberno galego “busca fomentar o acceso á propiedade dunha vivenda,  avanzando nas súas políticas neste ámbito que preocupa tanto á cidadanía”, explicou Aneiros. O programa conta con dúas modalidades de axudas, estando a primeira dirixida ás vivendas situadas no ámbito dun centro histórico, e a segunda ás cualificadas definitivamente como vivenda protexida de protección autonómica de réxime xeral, especial ou concertado.

Poderán solicitar estas axudas as persoas físicas maiores de idade que subscribisen un contrato privado ou unha escritura pública de adquisición dun domicilio con posterioridade ao 15 de outubro de 2025.  A contía máxima que poderán percibir terá un límite do 20% do prezo de adquisición da vivenda, e estará entre os 10.800 euros e os 15.000 euros na modalidade de vivendas en centros históricos, e entre 12.000 euros e 20.000 euros na de vivendas protexidas. No caso de que a adquisición fora realizada por máis dunha persoa, o importe que poida recibir o beneficiario será determinado aplicando a porcentaxe de cota adquirida ao importe da axuda que lle correspondería se tivera mercado o 100% desta.

A delegada aproveitou para animar á cidadanía a solicitar estas achegas, que deixaron o ano pasado no ámbito da delegación máis de 644.000 euros.

Fonte.- Xunta de Galicia