A Xunta avanza para rematar nesta primavera a construción de 12 vivendas públicas en Lamas de Abade, en Santiago, cun investimento de 2,7 M€ | Observatorio de Vivenda

A Xunta avanza para rematar nesta primavera a construción de 12 vivendas públicas en Lamas de Abade, en Santiago, cun investimento de 2,7 M€

A Xunta avanza para rematar nesta primavera a construción de 12 vivendas públicas en Lamas de Abade, en Santiago, cun investimento de 2,7 M€

A Xunta avanza para rematar esta primavera a construción de 12 vivendas públicas en Lamas de Abade, en Santiago de Compostela, cun investimento total de 2,7M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, xunto ao secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, visitou hoxe a promoción.

Allegue subliñou que as 12 vivendas xa foron sorteadas e teñen adxudicatarios provisionais, de xeito que se entregarán este ano, xunto ás que tamén se executan en Santiago para outras 36 vivendas (24 noutra parcela de Lamas de Abade e 24 no Castiñeiriño).

Das 12 vivendas, das que ao menos o 40% se reservarán para menores de 36 anos, 10 teñen 3 habitacións e as dúas restantes 2 dormitorios. Todas teñen terraza, dobre orientación e ventilación cruzada, ademais de sistemas de eficiencia enerxética, como instalación solar fotovoltaica ou a aerotermia para a auga quente.

A conselleira explicou que do investimento total de 2,7M€ neste inmoble, un 78% corresponden a fondos propios e 600.000€ son de fondos europeos.

Neste senso, puxo en valor o compromiso da Xunta para garantir o acceso á vivenda, ao sinalar que das 4.000 vivendas públicas comprometidas para esta lexislatura xa están en marcha máis de 3.000, cun investimento comprometido de 800M€, dos que 42M€ corresponden a fondos europeos MRR, 42M€ a fondos FEDER e “máis de 700M€ son de fondos da Xunta”.

Afirmou que non hai fondos do Plan Estatal de Vivenda e volveu reclamar ao Goberno central a súa aprobación, “que é o que ogallá si permita ese financiamento do Estado para que poidamos seguir a construír vivenda”.

Vivenda en Santiago

En Santiago, son 400 os novos fogares públicos que ten en marcha a Xunta en diferentes fases de execución. Ademais das 60 vivendas públicas que se constrúen en Lamas de Abade e no Castiñeiriño, está adxudicada a redacción do proxecto e dirección de obra para 60 aloxamentos compartidos en Xoán XXIII e en fase de licitación o proxecto para 36 vivendas en Volta do Castro.

Ademais, a Xunta licitou o proxecto para construír 244 vivendas en Salgueiriños, (o prazo de presentación de ofertas remata o día 23), onde tamén se prevé unha residencia universitaria de 150 prazas. Tanto estes proxectos como o de Volta do Castro son posibles grazas á modificación normativa impulsada pola Xunta neste 2026, que permite construír en solos dotacionais.

Por outra banda, a Administración autonómica está a traballar no Proxecto de Interese Autonómico (PIA) no ámbito de Mallou, para desenvolver solo residencial que permita a construción de 3.400 novas vivendas, coa colaboración de promotores e cooperativistas.

Fonte.- Xunta de Galicia