A Xunta concede 204 axudas para rehabilitación de vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes por preto de 5M€ e esgota o crédito | Observatorio de Vivenda

A Xunta concede 204 axudas para rehabilitación de vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes por preto de 5M€ e esgota o crédito

A Xunta concede 204 axudas para rehabilitación de vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes por preto de 5M€ e esgota o crédito

A Xunta concede 204 axudas para realizar obras de rehabilitación de vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes por preto de 5M€ e esgota o crédito.

Así o salientou a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, que visitou hoxe un fogar en Fornelos de Montes, que será rehabilitado mediante esta liña de axudas.

Detallou que neste concello pontevedrés se concederon 3 axudas e as restantes  achegas se outorgaron en 94 municipios de toda a comunidade.

Sinalou que esta convocatoria lanzada en xaneiro permitiu conceder 43 axudas na provincia de Pontevedra, 86 en Lugo, 45 na Coruña e 30 en Ourense.

Explicou que estas achegas teñen como obxectivo o apoio para acometer obras de rehabilitación, terminación e/ou ampliación de vivendas en municipios de menos de 5.000 habitantes. Cabe precisar que estas subvencións van dirixidas a vivenda habitual ou inmobles destinados a alugueiro accesible.

Con estas achegas, de ata 30.000€ por vivenda, os beneficiarios poden financiar obras de accesibilidade, conservación, habitabilidade, sostibilidade ou eficiencia enerxética.

A conselleira citou como exemplo o caso dos beneficiarios hoxe visitados, que coa axuda concedida sufragarán traballos como a instalación da cociña, a carpintería interior ou a substitución do sistema de calefacción mediante aerotermia.

Puxo en valor estas liñas de axudas autonómicas, pois ademais de favorecer o acceso da cidadanía á vivenda, contribúen a revitalizar os municipios de menor poboación e axudan a asentar poboación no rural.

Fonte.- Xunta de Galicia