A Xunta convoca as axudas para as áreas de rehabilitación dos Camiños de Santiago e da Ribeira Sacra para 2026, cun investimento de máis de 2,8 M€ | Observatorio de Vivenda

A Xunta convoca as axudas para as áreas de rehabilitación dos Camiños de Santiago e da Ribeira Sacra para 2026, cun investimento de máis de 2,8 M€

A Xunta convoca as axudas para as áreas de rehabilitación dos Camiños de Santiago e da Ribeira Sacra para 2026, cun investimento de máis de 2,8 M€

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), vén de publicar hoxe a nova convocatoria de axudas destinadas á rehabilitación de vivendas e edificios residenciais nas Áreas de rehabilitación integral (ARI) dos Camiños de Santiago e da Ribeira Sacra para 2026, ás que se destinará un investimento de máis de 2,8M€. 

En concreto, para a ARI dos Camiños de Santiago a dotación orzamentaria será de 2.030.000 euros, e no caso da Ribeira Sacra, ascenderá a 800.000 euros.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria destes incentivos e as solicitudes poderán presentarse dende o vindeiro 31 de agosto ata o próximo 30 de setembro. No seguinte enlace ao DOG pode ampliarse a información. 

No ámbito das dúas ARI poderán solicitar as axudas as comunidades de persoas propietarias e as agrupacións de comunidades, as agrupacións de persoas propietarias e os propietarios ou usufrutuarios de edificios ou vivendas, que estean en posesión da calificación definitiva das obras realizadas.

A contía das axudas non poderá superar o 50% do importe subvencionable da actuación. Este límite incrementase ata o 75% se os ingresos da unidade de convivencia promotora da actuación e residente na vivenda son inferiores a 3 veces o IPREM ou cando se acometan actuacións para a mellora da accesibilidade e se acredite que na unidade de convivencia existen persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos. O importe máximo destas subvencións poderá acadar os 12.000€ por vivenda rehabilitada e 30.000€ no caso de construción en substitución doutra previamente demolida.

Cómpre lembrar que o Goberno galego tamén vén de ampliar este mes en 2M€ o crédito da liña de axudas á adquisición de vivendas en centros históricos e de vivenda protexida, co obxectivo de seguir atendendo a demanda da cidadanía. O prazo de solicitude está aberto ata o día 15 de outubro.

Ademais a Xunta lanzou esta semana a convocatoria das axudas para menores de 36 anos para a adquisición ou autopromoción de vivenda en concellos con poboación igual ou inferior a 10.000 habitantes. O prazo de solicitudes abrirase o día 27 de agosto e permanecerá aberto ata o vindeiro día 16 de novembro.

Fonte.- Xunta de Galicia