A Xunta convoca as liñas de axudas de adquisición de vivenda en centros históricos e vivenda protexida, ás que destina un orzamento de 2 M€ | Observatorio de Vivenda

A Xunta convoca as liñas de axudas de adquisición de vivenda en centros históricos e vivenda protexida, ás que destina un orzamento de 2 M€

A Xunta convoca as liñas de axudas de adquisición de vivenda en centros históricos e vivenda protexida, ás que destina un orzamento de 2 M€

A Xunta convoca as liñas de axudas para adquisición de vivenda en centros históricos e vivenda protexida, ás que destina un orzamento de 2M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou hoxe en Pontevedra unha das vivendas adquiridas a través da liña de compra en centros históricos e anunciou a nova convocatoria destas achegas.

En concreto, Allegue mantivo un encontro cunha beneficiaria desta liña, que recibiu no pasado ano 10.800€ para a compra da súa vivenda na rúa Real pontevedresa, no centro histórico. “Son axudas cunha dobre finalidade, que nos permiten facilitar o acceso á vivenda e encher de vida e revitalizar os centros históricos que temos en Galicia”, apuntou. 

A conselleira sinalou que tras a publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia da nova convocatoria destas achegas para compra en centros históricos, así como tamén da liña destinada á compra de vivenda protexida, o prazo para solicitalas comezará o vindeiro día 15 de abril e permanecerá aberto ata o 15 de outubro.

Poderán solicitar estas achegas as persoas que teñan adquirido as súas vivendas desde o pasado 15 de outubro do pasado 2025 ata o 15 de outubro deste 2026. As dúas liñas están financiadas exclusivamente con fondos propios da comunidade autónoma e destínanse a vivendas que deberán ser a residencia habitual e permanente.

No que atinxe á liña de adquisición de vivendas en centros históricos, a contía da axuda será de ata 10.800€ con carácter xeral, e elévase ata 12.800€ se os compradores son menores de 36 anos e ata 15.000€ se a vivenda se sitúa no ámbito dunha área Rexurbe, sen límite de idade neste último caso. Como requisitos, os solicitantes deben contar con ingresos iguais ou inferiores a 6,5 veces o Iprem e as vivendas deberán estar emprazadas dentro dun dos centros históricos indicados na convocatoria.

No caso da outra liña destinada á adquisición de vivenda protexida, os solicitantes deberán cumprir os requisitos de ingresos que esixa a normativa reguladora da vivenda a adquirir e o importe da axuda dependerá da área xeográfica na que se emprace a vivenda.

Así, para vivendas situadas en municipios de prezo máximo superior (A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo), o importe será de ata 20.000€ por vivenda, se son adquiridas por persoas menores de 36 anos, e ata 16.000€ se os compradores son de 36 ou máis anos. No caso dos restantes municipios de Galicia, a axuda será de ata 16.000€ para menores de 36 anos, e ata 12.000€ para vivendas adquiridas por persoas de 36 ou máis anos.

A conselleira lembrou que no pasado 2025, foron 82 as persoas beneficiarias das achegas de adquisición en centros históricos e 136 as que recibiron axuda para compra de vivenda protexidas

Indicou que estas axudas para adquisición son compatibles cos avais que ofrece a Xunta e cuxa convocatoria xa está aberta ata o 30 de outubro.  Os menores de 36 anos poden acollerse a estes avais para adquirir a súa primeira vivenda, mentres que no caso da compra de vivenda protexida non existe límite de idade. Nesta convocatoria, a Xunta avalará ata 5M€.

Plan Estatal de Vivenda

Allegue subliñou que con estas dúas modalidades de achegas, a Xunta xa ten convocadas xa todas as liñas de axudas no eido da vivenda e volveu exixir ao Goberno central a aprobación do Plan Estatal de Vivenda para poñer en marcha as liñas cofinanciadas ao abeiro deste plan.

Neste senso, apuntou que a demora por parte do Estado retrasa a convocatoria, por exemplo, da outra liña de adquisición de vivenda, destinada a menores de 36 anos en municipios de menos de 10.000 habitantes, ademais da convocatoria de axudas ao alugueiro da mocidade, rehabilitación, eficiencia enerxética, ou accesibilidade.

Pola súa parte, a Xunta ten convocadas, ademais das de adquisición e o programa de avais, as achegas do programa Fogar Vivo, as destinadas á rehabilitación nos concellos de menos de 50.000 habitantes, a liña para a rehabilitación de inmobles de titularidade municipal, as axudas á infravivenda, as destinadas a comunidades de propietarios de vivenda de promoción pública e os fondos de cooperación cos concellos.

Fonte.- Xunta de Galicia