A Xunta convoca os fondos de cooperación por 11,7 M€ para axudar aos concellos na rehabilitación do patrimonio construído e promoción de nova vivenda protexida | Observatorio de Vivenda

A Xunta convoca os fondos de cooperación por 11,7 M€ para axudar aos concellos na rehabilitación do patrimonio construído e promoción de nova vivenda protexida

A Xunta convoca os fondos de cooperación por 11,7 M€ para axudar aos concellos na rehabilitación do patrimonio construído e promoción de nova vivenda protexida

A Xunta convoca os fondos de cooperación por 11,7 M€ para axudar aos concellos para rehabilitación do patrimonio construído e para a promoción de vivenda protexida. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou hoxe en Curtis o edificio que o Concello rehabilitou a través desta liña de colaboración para convertelo nun novo centro para a veciñanza.

Allegue subliñou que tras a publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia de ambas convocatorias, os concellos poderán solicitar os préstamos de ambos fondos a partir do  6 de abril e ata o 15 de outubro. Destacou que con estas liñas a Xunta cumpre o dobre obxectivo de axudar a financiar a mellora de equipamentos municipais e sumar esforzos para facilitar o acceso á vivenda e lembrou que o pasado 2025 concedéronse 15 préstamos a concellos a través destes fondos por máis de 5 M€.

No caso do inmoble visitado hoxe en Curtis, foi rehabilitado polo Concello cun préstamo de preto de 683.000€, procedente do Fondo de Cooperación da Xunta para actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído, que se destina a municipios de menos de 50.000 habitantes.

A conselleira destacou a transformación do edificio “nun centro multifuncional, moderno e eficiente” e  puxo en valor “o traballo conxunto e a colaboración entre administracións” para acadar actuacións en beneficio da cidadanía.

Allegue volveu reclamar ao Goberno central a aprobación do Plan Estatal de Vivenda, do que depende o lanzamento de varias liñas de axudas que tramita a Xunta.

Rehabilitación

No que atinxe ao Fondo de Cooperación para financiar obras de rehabilitación en municipios de menos de 50.000 habitantes, conta cunha dotación de algo máis de 3 M€ para este ano. Trátase de préstamos sen xuros que os concellos poden devolver no prazo máximo de 8 anos.

Con cargo a este financiamento, os municipios poden acometer obras de conservación de inmobles da súa titularidade, adquirir outros novos para recuperalos ou mesmo urbanizar novos viarios previstos no planeamento municipal.

Promoción de vivenda protexida

Por outra banda, o Diario Oficial de Galicia tamén recolle hoxe a convocatoria por segundo ano do fondo de cooperación cos concellos para o financiamento da promoción de vivenda protexida de nova construción, cunha dotación de máis de 8,6 M€ para este 2026.

Nesta liña, calquera concello pode acceder a préstamos sen xuros, a devolver tamén no prazo máximo de 8 anos.

Os municipios poderán destinar este financiamento á promoción de vivenda protexida de nova construción, directamente ou a través doutros promotores. Tamén poderán acometer actuacións de urbanización para acadar solo e crear parcelas para a edificación ou adquirir solo para construír inmobles protexidas.

Fonte.- Xunta de Galicia