A Xunta convoca unha nova liña de axudas para a rehabilitación enerxética de vivendas que poderá cubrir ata o 100% do custo das actuacións subvencionables | Observatorio de Vivenda

A Xunta convoca unha nova liña de axudas para a rehabilitación enerxética de vivendas que poderá cubrir ata o 100% do custo das actuacións subvencionables

A Xunta convoca unha nova liña de axudas para a rehabilitación enerxética de vivendas que poderá cubrir ata o 100% do custo das actuacións subvencionables

A Xunta de Galicia convocou o novo programa de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes en municipios de reto demográfico, o chamado PREE 5000, a través da publicación da resolución no DOG coa convocatoria do programa para 2022.

O orzamento global destinado para o próximo ano é de 1,83 millóns de euros e o importe concedido poderá chegar a cubrir ata o 100% do custo das obras subvencionables, sempre que estas cumpran con todos os criterios establecidos para obter unha axuda adicional.

Os interesados en acollerse a estas subvencións poderán solicitalas a partir do vindeiro 3 de xaneiro, co fin de que dispoñan de marxe suficiente para poder preparar unha memoria valorada das actuacións a executar. O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 30 de setembro do ano que vén.

As actuacións subvencionables realizaranse en edificacións localizadas en municipios de menos de 5.000 habitantes ou en concellos non urbanos de menos de 20.000 sempre que ningún dos seus núcleos de poboación supere os 5.000 veciños. Os inmobles deberán terse construído antes de 2007 e poderán ser vivendas unifamiliares, edificios de tipoloxía residencial colectiva ou vivendas dun edificio consideradas individualmente.

Fonte | Xunta de Galicia