A Xunta dá luz verde ambiental ao Proxecto de Interese Autonómico para o desenvolvemento dunhas 2.950 vivendas en Mallou, en Santiago de Compostela | Observatorio de Vivenda

A Xunta dá luz verde ambiental ao Proxecto de Interese Autonómico para o desenvolvemento dunhas 2.950 vivendas en Mallou, en Santiago de Compostela

A Xunta dá luz verde ambiental ao Proxecto de Interese Autonómico para o desenvolvemento dunhas 2.950 vivendas en Mallou, en Santiago de Compostela

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao Proxecto de Interese Autonómico (PIA) para o desenvolvemento residencial en Mallou, no concello de Santiago de Compostela. O obxectivo da actuación, promovida polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), é urbanizar solo neste ámbito para destinalo á construción dunhas 2.950 vivendas, maioritariamente protexidas.

O informe ambiental estratéxico (IAE) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que sairá publicado nuns días no Diario Oficial de Galicia, conclúe que non se prevé que o proxecto teña efectos ambientais adversos significativos pero sinala algunha condición que se deberá atender co fin de afondar en determinados aspectos.

Cómpre lembrar que o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada desta iniciativa, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a consulta dos organismos públicos interesados e tanto o borrador de PIA como o documento ambiental estratéxico estiveron publicados no portal web da Consellería por un prazo de 30 días hábiles para que o público en xeral puidese consultalos e facer as observacións ou suxestións que considerase oportunas.

Unha vez emitida a resolución, o informe ambiental remitirase ao promotor e ao órgano substantivo e, posteriormente, farase público o seu contido mediante anuncio publicado no OG e a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

O ámbito de actuación do PIA para o desenvolvemento residencial na zona de Mallou, ao nordés da cidade de Santiago de Compostela, abrangue unha superficie total de 522.737 metros cadrados. As previsións contidas no borrador prevén a execución dunhas 2.950 vivendas con reservas para dotación de equipamento comunitario, espazos libres e zonas verdes.

A rede viaria proposta vén definida por treitos correspondentes a infraestruturas previstas no Plan xeral de ordenación municipal (PXOM). O eixe norte-sur (Boisaca-Cancelas-Fontiñas) permitirá conectar a avenida de Asturias coa de Xoán Paulo II a través dunha glorieta e un viaduto, mentres que o eixe leste-oeste conectará a zona de Mallou co núcleo de Porto do Medio. Tamén se prevé unha rede secundaria interior, na que se contemplan unas 800 prazas de aparcadoiro público nas marxes destes viarios.

Fonte.- Xunta de Galicia