A Xunta dá luz verde ambiental ao proxecto de interese autonómico para o desenvolvemento dunhas 1.454 vivendas en Santa Cristina de Lavadores, en Vigo | Observatorio de Vivenda

A Xunta dá luz verde ambiental ao proxecto de interese autonómico para o desenvolvemento dunhas 1.454 vivendas en Santa Cristina de Lavadores, en Vigo

A Xunta dá luz verde ambiental ao proxecto de interese autonómico para o desenvolvemento dunhas 1.454 vivendas en Santa Cristina de Lavadores, en Vigo

A Xunta de Galicia dá luz verde ambiental ao Proxecto de Interese Autonómico (PIA) para o desenvolvemeno residencial en Santa Cristina de Lavadores, no concello de Vigo. O obxectivo da actuación, promovida polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), é construír unhas 1.454 vivendas, maioritariamente protexidas.  

O informe ambiental estratéxico (IAE) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que sairá publicado nun días no Diario Oficial de Galicia, conclúe que non se prevé que o proxecto teña efectos adversos significativos pero sinala algunha condición que se deberá atender co fin de afondar en determinados aspectos.

Cómpre lembrar que o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada desta iniciativa. Un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a consulta dos organismos públicos interesados e tanto o borrador de PIA como o documento ambiental estiveron publicados no portal web da Consellería por un prazo de 30 días hábiles para que o público en xeral puidese consultalos e facer as observacións ou suxestións que considerase oportunas.

Unha vez emitida a resolución, o informe ambiental remitirase ao promotor e ao órgano substantivo e, posteriormente, farase público o seu contido mediante un anuncio publicado no DOG e a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

O ámbito de actuación do PIA para o desenvolvemento residencial na zona de Santa Cristina de Lavadores, que ocupa a avenida Ramón Nieto, as rúas Cantabria, Santa Cristina e Bagunda, e outros viarios secundarios da zona leste da cidade de Vigo, abrangue unha superficie total de 143.314 metros cadrados. As previsións contidas no borrador prevén a execución dunhas 1.454 vivendas con reservas para a dotación de equipamento comunitario, espazos libres e zonas verdes.

Fonte.- Xunta de Galicia