A Xunta dará participación á mocidade no Observatorio de Vivenda de Galicia | Observatorio de Vivenda

A Xunta dará participación á mocidade no Observatorio de Vivenda de Galicia

A Xunta dará participación á mocidade no Observatorio de Vivenda de Galicia

A Xunta dará voz á mocidade no Observatorio de Vivenda de Galicia. Así o resaltaron hoxe a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, xunto ao conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, no acto Construíndo Galicia, construímos futuro, celebrado ante un centenar de asistentes na Cidade da Cultura.

Neste encontro presentáronse os proxectos gañadores do concurso de ideas promovido pola Xunta para a construción de vivenda pública e residencias xuvenís en Salgueiriños (en Santiago) e Elviña (na Coruña), deseñados respectivamente polos estudos Temperaturas Extremas Arquitectos S.L.P (formado por Atxu Anman Alcocer, Andrés Cánovas Alcaraz e Nicolás Mauri González de Mendoza) e a UTE IP-MAM (formada polos estudos Irisarri-Piñera e Pablo Menéndez). Ademais dos arquitectos Jesús Irisarri e Andrés Cánovas, que participaron en representación dos equipos, tamén asistiron representantes dos outros catro estudos finalistas.

Os conselleiros incidiron na colaboración entre os seus departamentos para facilitar o acceso da mocidade á vivenda e coincidiron na necesidade de que a mocidade forme parte das decisións en materia de vivenda en Galicia. Por este motivo, a Dirección Xeral de Xuventude incorporarase ao Observatorio de Vivenda, a través da sección de Intermediación e Acceso á Vivenda.

Os proxectos

Os conselleiros mantiveron así mesmo no acto unha conversa cos arquitectos Jesús Irisarri e Andrés Cánovas, na que os proxectistas deron conta dos respectivos deseños para a construción de vivenda e residencias xuvenís nos ámbitos de Elviña e Salgueiriños.

No caso da Coruña, a proposta gañadora do concurso de ideas para o desenvolvemento do ámbito de Elviña, 6 Carreiros, xera tres grandes mazás, cada unha destinada a un dos tres usos contemplados no programa do concurso. Deste xeito, na primeira mazá proxéctanse 166 vivendas públicas, mentres que na segunda se sitúan os 150 aloxamentos compartidos previstos e na terceira a residencia xuvenil, para 150 prazas.

En Santiago, construiranse no ámbito de Salgueiriños 244 vivendas e unha residencia xuvenil de 150 prazas. A proposta gañadora, Os camiños da nova vida, sitúa os edificios arredor dun gran espazo interior público, pensado para que os veciños poidan encontrarse. Dáse especial importancia aos materiais e a cor, reservando o diferenciador para a residencia estudantil.

Fonte.- Xunta de Galicia