A Xunta destaca a aposta das novas axudas para rehabilitar vivendas destinadas a traballadores por cubrir vacantes en sectores como o agroalimentario | Observatorio de Vivenda

A Xunta destaca a aposta das novas axudas para rehabilitar vivendas destinadas a traballadores por cubrir vacantes en sectores como o agroalimentario

A Xunta destaca a aposta das novas axudas para rehabilitar vivendas destinadas a traballadores por cubrir vacantes en sectores como o agroalimentario

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, mantivo en Santiago de Compostela un encontro con representantes empresariais e de entidades interesadas na nova convocatoria de impulso á rehabilitación de vivendas destinadas a persoas traballadoras. Na xornada na que tamén interveu o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, o conselleiro recordou que o prazo de solicitude das axudas está aberto ata o próximo 15 de xullo co gallo de atraer talento e garantir a cobertura de vacantes especialmente en sectores estratéxicos como o agroalimentario, ao tempo que se aposta por fixar poboación dando unha nova vida a inmobles inhabitados, sen rematar ou deteriorados.

Segundo explicou, a orde conxunta das consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Vivenda e Planificación de Infraestruturas consta de dúas liñas: a primeira dirixida a empresas e a persoas físicas ou xurídicas, e a segunda destinada a concellos de menos de 20.000 habitantes, con axudas máximas previstas de ata o 95 % do orzamento da rehabilitación. Se se rehabilita unha vivenda unifamiliar, a cantidade máxima será de 50.000 € se solicitan a axuda empresas ou persoas físicas, e de 75.000 € no caso de concellos. Se se trata de edificios residenciais colectivos inacabados ou en situación de esqueleto inmobiliario, a contía non poderá superar os 30.000 € por cada unha das vivendas do inmoble, nin a cantidade global para todo o conxunto dos 300.000 €.

No marco das dúas liñas de axudas existentes, a orde contempla tamén dúas variables. A primeira, que as empresas con centros de traballo en Galicia sexan as propietarias, usufrutuarias ou cesionarias do uso das vivendas por un prazo mínimo de 10 anos e decidan rehabilitalas para destinalas á residencia habitual das súas persoas traballadoras, contribuíndo así á cobertura das súas propias vacantes. A segunda, que esas empresas cheguen a acordo cunha ou varias persoas propietarias de vivendas da zona, ou mesmo con concellos, para que sexan eles quen se encarguen de rehabilitar os inmobles en beneficio último dos traballadores desas empresas.

Deste xeito, González destacou que os inmobles deben destinarse a persoas traballadoras, en réxime de alugueiro ou de cesión de uso. Non poderán estar situados a unha distancia superior a 15 quilómetros do centro de traballo onde estea contratada a persoa destinataria final, sempre nun concello con menos de 20.000 habitantes, primándose os municipios con menos de 5.000 persoas.

Criterios de valoración

Segundo apuntou o titular de Emprego, ao analizar as solicitudes terase en conta tanto a distancia entre a vivenda e o traballo como a existente ata unha parada de transporte público ou ata unha vía de alta capacidade. A maiores, darase prioridade ás vivendas dirixidas a persoas que traballen en sectores estratéxicos como agraolimentario, pero tamén na automoción, naval, metalmecánico, téxtil-moda, TIC e industrias culturais, así como as actividades pesqueiras, forestais ou de coidados de maiores. Á hora de puntuar as solicitudes, valorarase tamén a sostibilidade das rehabilitacións.

José González concluíu aludindo ás novas axudas como unha orde sen precedentes, que permite avanzar na cobertura de vacantes laborais por parte do tecido produtivo proporcionándolles ás persoas traballadoras o acceso á vivenda imprescindible para que poidan aceptar un emprego e establecerse con todas as garantías. Tanto á forza laboral interna, dixo, como á exterior necesaria para seguir avanzando no encaixe de oferta e demanda que redunde no desenvolvemento económico de Galicia.

Fonte.- Xunta de Galicia