A Xunta destinará á venda as 13 vivendas públicas da rúa das Devesas, en Pontevedra, cuxas obras licita por 2,5 M€ | Observatorio de Vivenda

A Xunta destinará á venda as 13 vivendas públicas da rúa das Devesas, en Pontevedra, cuxas obras licita por 2,5 M€

A Xunta destinará á venda as 13 vivendas públicas da rúa das Devesas, en Pontevedra, cuxas obras licita por 2,5 M€

A Xunta destinará á venda as 13 vivendas de promoción pública da rúa das Devesas, en Pontevedra, cuxas obras licita por 2,5M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, anunciou hoxe esta nova contratación para seguir incrementando o parque público residencial na cidade.

Allegue subliñou que esta nova promoción, que construirá a Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal) con fondos autonómicos, desenvolverase nun dos tres solos cedidos gratuitamente polo Concello para construción de vivenda pública, neste caso nun ámbito do barrio da Parda, próximo a equipamentos como o centro de saúde. O novo inmoble terá baixo e catro alturas e a maior parte das vivendas serán de dous dormitorios, aínda que tamén haberá de tres estancias e un dos fogares será adaptado para persoas con mobilidade reducida.

A conselleira, que agradeceu a colaboración do Concello, lembrou que estes futuros fogares terán cualificación pública permanente e adxudicaranse entre persoas inscritas no rexistro único de demandantes.

Indicou que, no marco das novas medidas impulsadas pola Xunta para que máis familias poidan acceder á vivenda pública, o 30% destas futuras vivendas reservarase ao cupo de persoas de entre 36 e 45 anos con fillos a cargo. Ademais, outro 25% estará reservado para menores de 36 anos. Allegue indicou que a Administración autonómica ten en marcha tamén o aval mozo para acceder ao 20% da hipoteca que non avalan as entidades bancarias.

Allegue lembrou que as empresas poderán presentar ofertas ata o 25 de agosto, e a Xunta axilizará a adxudicación para poder iniciar os traballos o antes posible.

A Administración autonómica ten en marcha 306 vivendas públicas na cidade de Pontevedra, das que 125 construiranse nos tres solos cedidos polo Concello en Valdecorvos, Tafisa e a rúa das Devesas. Neste senso, a conselleira recordou que se recibiron 9 ofertas para as 48 vivendas que se edificarán en Valdecorvos e proximamente licitaranse os traballos da promoción de 58 vivendas no solo de Tafisa. “Seguimos dando chanzos para facilitar unha vivenda accesible que represente a nosa Galicia Calidade”, apuntou.

Fonte.- Xunta de Galicia