Xunta e Concello de Narón asinan a cesión de solo para 91 vivendas públicas, no día que o executivo galego licita a redacción do proxecto e dirección da obra | Observatorio de Vivenda

Xunta e Concello de Narón asinan a cesión de solo para 91 vivendas públicas, no día que o executivo galego licita a redacción do proxecto e dirección da obra

Xunta e Concello de Narón asinan a cesión de solo para 91 vivendas públicas, no día que o executivo galego licita a redacción do proxecto e dirección da obra

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, asinou hoxe coa alcaldesa Narón, Marián Ferreiro Díaz, o convenio para a cesión gratuíta de dúas parcelas para a construción dun edificio de promoción pública para 91 vivendas en Narón. Situadas na avenida 3 de abril, as parcelas contan cunha superficie de preto de 4.000 metros cadrados.

M. Allegue anunciou, ademais, que hoxe mesmo publicouse no perfil do contratante a licitación da redacción do proxecto e dirección de obra do inmoble, por un importe de 810.424€. O investimento total estimado que fará a Xunta de Galicia nesta actuación é de 17,1M€. A Xunta abordará a construción destes novos fogares a través da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia.

A conselleira salientou a colaboración cos concellos para acadar máis solos para a promoción de vivendas públicas con acordos coas administracións locais de Carballo, Lugo, Pontevedra, A Coruña, Vilagarcía, Ames, Lalín e A Estrada, entre outros.

A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas destacou que o Goberno galego “ten un firme compromiso coa veciñanza de Narón, cidade referente en Ferrolterra e un dos pulmóns económicos da comarca” e recordou que a Xunta tamén ten en marcha a conversión de baixos comerciais de titularidade autonómica a vivenda na cidade, que darán como resultado 14 novos fogares públicos.

Nesa liña, M. Allegue salientou que a Xunta está a redobrar esforzos para facilitar o acceso á vivenda, a través de distintas vías. En canto á construción de nova vivenda protexida, o Goberno galego conta con máis de 2.800 fogares en marcha, en diferentes fases de tramitación.

Fonte.- Xunta de Galicia