A Xunta e o concello de Mos analizan as alternativas para desenvolver vivendas protexidas no municipio

A Xunta e o concello de Mos analizan as alternativas para desenvolver vivendas protexidas no municipio
  • O Concello abrirá unha listaxe municipal na que poderán apuntarse as persoas que desexen solicitar este tipo de inmobles
  • Tamén falaron de solo empresarial, xa que a modificación que se tramita do Plan sectorial de áreas empresariais de Galicia inclúe un novo parque no municipio

 

O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García Porto, reuniuse esta semana coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e varios técnicos municipais, para tratar sobre o proxecto de impulso da vivenda protexida no concello e a tramitación dun novo parque empresarial na localidade.

 

Durante a reunión, continuación da mantida o pasado mes de marzo, analizáronse posibles alternativas de solo para a construción de vivendas protexidas en Mos, tanto de promoción pública como privada. A tal fin, estudáronse diferentes posibilidades de novos desenvolvementos de solo residencial.

 

Por outra parte a alcaldesa comunicou ao director xeral a activación inminente da listaxe municipal de demandantes de vivendas, que xestionará o departamento de Política Social de Mos e na que poderán inscribirse os cidadáns interesados en solicitar o acceso a algunha das futuras vivendas que se desenvolvan a partir do proxecto do concello.

 

Finalmente, a reunión serviu para analizar a situación de tramitación da modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (PSOAEG) no que se inclúe o ámbito para a urbanización dun novo parque empresarial en Mos, unha vez que se está esgotando o solo dispoñible no polígono da Veigadaña, urbanizado polo Goberno galego.

 

Segundo indicou o director xeral do IGVS, está previsto que a modificación do plan sectorial se aprobe este mesmo ano, quedando así habilitada a Xunta para o desenvolvemento do novo parque.

 

Fonte.- Xunta de Galicia