A Xunta entrega en alugueiro a menores de 36 anos dúas vivendas públicas acadadas coa rehabilitación de inmobles no centro histórico de Betanzos | Observatorio de Vivenda

A Xunta entrega en alugueiro a menores de 36 anos dúas vivendas públicas acadadas coa rehabilitación de inmobles no centro histórico de Betanzos

A Xunta entrega en alugueiro a menores de 36 anos dúas vivendas públicas acadadas coa rehabilitación de inmobles no centro histórico de Betanzos

A Xunta entrega en alugueiro a menores de 36 anos dúas vivendas públicas acadadas coa rehabilitación de inmobles no centro histórico de Betanzos. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, fixo entrega das chaves destes novos fogares, reformados ao abeiro do programa Rexurbe, ás dúas adxudicatarias.

As novas vivendas sitúanse nas rúas Venela dos Clérigos e Alfolí e as beneficiarias abonarán alugueiros mensuais por importe de 116 e 167€.

Allegue lembrou que o concello de Betanzos foi pioneiro en Galicia no programa Rexurbe da Xunta, cuxo obxectivo, ademais de facilitar o acceso á vivenda de calidade e accesible, é o de recuperar e dinamizar os centros históricos de cidades e vilas.

“Con este programa -apuntou-, adquirimos edificios nos cascos históricos, co fin de rehabilitalos, de cualificalos como vivendas de promoción pública, que teñen protección indefinida, e adxudicámolos entre persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes”.

A conselleira puxo en valor a “calidade” das rehabilitacións acadadas nas vivendas visitadas hoxe e destacou que co Rexurbe, o Goberno galego non só busca “crear novos fogares, senón tamén encher de vida os cascos históricos, porque en Galicia temos cascos históricos moi fermosos, que temos que dinamizar tanto desde o punto de vista económico pero tamén social”.

“Seguiremos traballando para que a cidadanía galega poida seguir accedendo a vivendas de calidade, fogares eficientes, e revitalizando os cascos históricos”, sinalou.

En Betanzos, a Xunta adquiriu un total de 17 inmobles para acadar 22 vivendas e están xa rehabilitados 15 edificios, con 20 novos fogares. 

Fonte.- Xunta de Galicia