A Xunta entrega en alugueiro unha nova vivenda pública no centro histórico de Betanzos, froito dunha rehabilitación do Plan Rexurbe | Observatorio de Vivenda

A Xunta entrega en alugueiro unha nova vivenda pública no centro histórico de Betanzos, froito dunha rehabilitación do Plan Rexurbe

A Xunta entrega en alugueiro unha nova vivenda pública no centro histórico de Betanzos, froito dunha rehabilitación do Plan Rexurbe

A Xunta entrega en alugueiro unha nova vivenda de promoción pública no centro histórico de Betanzos, froito dunha actuación de rehabilitación ao abeiro do Plan Rexurbe. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, fixo entrega desta nova vivenda ao beneficiario, menor de 36 anos.

A vivenda entregada sitúase na rúa Pinche e é froito da rehabilitación por parte da Xunta dun inmoble, de baixo e dúas plantas. O adxudicatario abonará un alugueiro mensual de 177,7€.

A conselleira destacou que con esta nova adxudicación, a Administración autonómica xa ten entregado un total de vinte vivendas en Betanzos, froito da rehabilitación de 15 inmobles adquiridos co Plan Rexurbe, cun investimento de case 5M€ que inclúe adquisicións, proxectos e obras.

Allegue subliñou a calidade destas coidadas intervencións que están a permitir, ademais de seguir avanzando para “seguir creando novos fogares” con cualificación pública permanente, promover a revitalización dos centros históricos como o de Betanzos, colaborando coas administracións locais.

Lembrou que ademais da construción e a rehabilitación de vivenda, a Xunta está a impulsar medidas para que máis persoas poidan accedan a novos fogares.

Deste xeito, incrementáronse os limiares de renda ata 4 veces o Iprem (4,5 familias numerosas) e acordouse a reserva do 30% da nova vivenda en réxime de compra-venda para persoas de entre 36 e 45 anos con fillos ao seu cargo, que se une á reserva do 40% das novas vivendas para alugueiro e 25% para compra a menores de 36 anos.

Fonte.- Xunta de Galicia