A Xunta entrega en Pontevedra as primeiras 74 chaves das 4.000 novas vivendas públicas comprometidas esta lexislatura | Observatorio de Vivenda

A Xunta entrega en Pontevedra as primeiras 74 chaves das 4.000 novas vivendas públicas comprometidas esta lexislatura

A Xunta entrega en Pontevedra as primeiras 74 chaves das 4.000 novas vivendas públicas comprometidas esta lexislatura

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu este martes en Pontevedra ao acto de entrega de chaves de 74 novas vivendas de promoción pública no barrio de Valdecorvos, as primeiras dos 4.000 novos fogares públicos comprometidos para a lexislatura.

No acto, no que estivo acompañado pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, o titular do Executivo autonómico subliñou o cumprimento da palabra dada do Goberno galego e puxo en valor que esta entrega marca o camiño para acadar o obxectivo estratéxico de duplicar o parque público da comunidade ata chegar ás 8.000 vivendas no ano 2028.

A nova promoción de Valdecorvos supuxo un investimento global superior aos 17,8 millóns de euros —dos cales 3,7 millóns proceden de fondos europeos—. Así, o presidente galego remarcou a aposta pola excelencia tanto no deseño como na execución técnica destes inmobles, concibidos para ofrecer ás familias e á mocidade –a metade están destinadas a menores de 36 anos, cumprindo así o obxectivo de facilitar a emancipación– fogares modernos, accesibles e de calidade.

A actuación no barrio pontevedrés forma parte dunha estratexia máis ampla na cidade do Lérez, onde a Xunta ten actualmente en marcha un total de 306 vivendas públicas repartidas entre esta mesma zona (235 fogares), a rúa Ernestina Otero na contorna da antiga Tafisa (58) e As Devesas (13). A este respecto, Rueda agradeceu a colaboración institucional do Concello de Pontevedra pola cesión gratuíta dos terreos municipais necesarios para levar a cabo estes proxectos.

Continuidade na entrega de novas promocións por toda Galicia

O titular do Executivo autonómico destacou que a folla de ruta da Xunta para facilitar o acceso á vivenda continúa a desenvolverse a ritmo constante en todo o territorio. De feito, máis do 60 % dos 4.000 fogares comprometidos atópanse xa en fase de construción ou coa obra licitada, mentres que o resto avanza na redacción dos correspondentes proxectos técnicos para acelerar os prazos ao máximo.

Neste sentido, á entrega efectuada en Pontevedra seguiranlle outras ao longo deste mesmo ano en concellos como Santiago de Compostela, Mos ou A Coruña.

Fonte.- Xunta de Galicia