A Xunta entrega unha vivenda en alugueiro no barrio de Ferrol vello tras a recuperación dun inmoble, ao abeiro do Plan Rexurbe | Observatorio de Vivenda

A Xunta entrega unha vivenda en alugueiro no barrio de Ferrol vello tras a recuperación dun inmoble, ao abeiro do Plan Rexurbe

A Xunta entrega unha vivenda en alugueiro no barrio de Ferrol vello tras a recuperación dun inmoble, ao abeiro do Plan Rexurbe

A Xunta entregou unha vivenda en alugueiro no barrio de Ferrol Vello tras a recuperación dun inmoble, ao abeiro do Plan Rexurbe do Goberno galego. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou hoxe nesta entrega e coñeceu de primeira man a familia á que se adxudicou este novo fogar.

Allegue salientou que se trata da primeira entrega de chaves de vivendas rehabilitadas nesta lexislatura na cidade departamental.

Sinalou que esta é unha das dúas vivendas obtidas na rehabilitación dun inmoble, que abrangue dous números da rúa Carme Curuxeiras. Ademais na mesma rúa a Xunta tamén recuperou o número 8 para acadar outras 3 vivendas, estando as obras a piques de rematar.

O Goberno galego está a investir un total de 1,9M€ para acadar estas 5 vivendas que se ofrecerán en alugueiro accesible.

Remarcou que estas actuacións son posibles grazas ao Plan Rexurbe da Xunta, que permite recuperar vivendas deterioradas para logo destinalas a alugueiro accesible. Ademais este programa contribúe a revitalizar os concellos, atraendo máis poboación e xerando emprego.

Recordou que o Goberno galego, ademais de rehabilitar vivendas en Ferrol, tamén está a construír fogares e por iso veñen de licitarse as obras para impulsar 124 vivendas no Bertón, cun investimento de 22M€.

Apuntou que a Xunta xa ten en marcha un total de 353 vivendas no barrio do Bertón, con dous inmobles xa en obras.

Destacou que o Executivo autonómico vai seguir contribuíndo ao crecemento de Ferrol, habilitando máis vivenda e traballando na rexeneración urbana a través de actuacións como as de ‘Abrir Ferrol ao Mar’.

Fonte.- Xunta de Galicia