A Xunta estenderá o programa Rexurbe a Tui, Ribadavia e A Coruña para rehabilitar inmobles nos seus cascos históricos

 A Xunta estenderá o programa Rexurbe a Tui, Ribadavia e A Coruña para rehabilitar inmobles nos seus cascos históricos
  • A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, anuncia no Parlamento a inclusión destes tres concellos na convocatoria dunha nova oferta de compra pública para a adquisición de edificios en conxuntos históricos, que volverá repetirse tamén este ano en Ferrol, Ourense e Betanzos
  • Subliña que o seu departamento está a traballar en 212 vivendas de promoción pública, tanto de obra nova como rehabilitadas, e avanza que o solo a disposición das empresas nas cidades permitirá construír arredor de 2.000 pisos protexidos

A Xunta de Galicia sacará este ano unha nova convocatoria do programa de rehabilitación de vivendas Rexurbe, que volverá incluír unha oferta para a compra pública de inmobles nos cascos históricos de Ferrol, Ourense e Betanzos e estenderase tamén, por primeira vez, aos municipios de A Coruña, Tui e Ribadavia. Así o avanzou esta tarde no Parlamento a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen defendeu os bos resultados deste programa pioneiro en Galicia e avanzou que, en breve, se abrirá outra convocatoria cun orzamento de 1,5 millóns de euros para a adquisición de novos inmobles nestes seis municipios.

O chamado programa Rexurbe foi convocado por primeira vez o ano pasado e ten como obxectivo favorecer a rehabilitación de zonas degradadas e inmobles localizados nos cascos históricos de certos municipios galegos. Concretamente, a convocatoria de 2018 centrouse nos concellos de Ferrol, Betanzos, Ourense e Lugo mentres que a deste ano, tal e como explicou a conselleira, ampliarase aos cascos vellos de Tui, Ribadavia e A Coruña e repetirase no caso de Ferrol, Betanzos e Ourense.

A conselleira de Medio Ambiente amosouse satisfeita cos resultados deste programa no seu primeiro ano de implantación, durante o cal se adquiriron 26 edificios nas zonas monumentais de Ferrol, Betanzos, Ourense e Lugo co fin de obter 58 vivendas rehabilitadas, e confirmou que se lle dará continuidade este ano, ampliando os concellos incluídos na oferta de compra pública de 2019 en resposta ao éxito da convocatoria anterior.

A través do Rexurbe e doutras intervencións sobre vivendas xa existentes, a conselleira explicou que, nestes momentos, o seu departamento está a traballar na rehabilitación dun total de 91 vivendas, ás que hai que sumar os 121 pisos de nova planta que está a construír o Instituto Galego de Vivenda e Solo. En total, son 212 as vivendas de protección pública que está a impulsar a Consellería cun investimento global de 22 millóns de euros.

Así mesmo, Ángeles Vázquez lembrou que tamén as empresas xogan un papel importante á hora de poñer vivenda protexida a disposición dos cidadáns, sobre todo nas grandes cidades, que concentran, dixo, a maior parte da demanda. Neste sentido, asegurou que tendo en conta o solo que hai a disposición das empresas para a construción de vivenda protexida no polígono de Valdecorvos (Pontevedra), no Parque Ofimático da Coruña, en O Bertón (Ferrol), no polígono de Garabolos (Lugo) e en San Paio de Navia (Vigo) estímase que se poderían edificar arredor de 2.000 novas vivendas.

En todo caso, Vázquez Mejuto tamén se referiu á importancia dos programas deseñados pola Xunta para garantir o acceso a vivendas a prezos reducidos en municipios de tamaño medio e pequeno, a través de liñas de axudas como as destinadas á rehabilitación das vivendas de mestres ou o programa de infravivenda rural.

Aposta polo alugueiro e apoio aos desfavorecidos

Na mesma liña e para complementar a construción de vivendas protexidas e a rehabilitación de inmobles xa existentes, a conselleira defendeu a aposta do seu departamento polo alugueiro, en resposta a unha tendencia cada vez maior detectada entre os cidadáns, que prefiren alugar antes que comprar. Así, cifrou en 7,2 millóns de euros a partida reservada nos orzamentos deste ano ás políticas destinadas ao fomento do alugueiro, entre as que citou as axudas a promotores, concellos ou cooperativas para a construción de pisos neste réxime, o programa de vivendas baleiras para mobilizar estas propiedades e poñelas no mercado a prezos limitados ou o mantemento do parque público de vivendas en aluguer.

O último eixo das políticas de vivenda da Xunta ao que se referiu Ángeles Vázquez foi o apoio aos máis desfavorecidos e en xeral, a aquelas familias afectadas por procesos de desafiuzamentos, xa sexa por non poder pagar o alugueiro ou a súa hipoteca. En resposta á situación destes colectivos, a Consellería de Medio Ambiente conta con 12 medidas específicas, resaltando entre elas o Programa de Realoxo de Afectados por Execucións Hipotecarias ou o Bono de Alugueiro Social.

Así mesmo, Vázquez Mejuto aproveitou a súa intervención no pleno para falar da futura Lei de Rehabilitación e Rexeneración Urbana, a primeira deste tipo coa que contará a comunidade e que o pasado mes de febreiro iniciou a súa tramitación parlamentaria. O obxectivo, lembrou, é que esta normativa se converta o antes posible nunha “ferramenta útil e fundamental” para a aplicación das políticas de vivenda da Xunta e para que a rehabilitación de inmobles resulte cada vez máis atractiva para os cidadáns, polo que insistiu na necesidade de buscar o máximo consenso con todos os grupos da Cámara.

Fonte.- Xunta de Galicia