A Xunta inicia as obras de 75 novas vivendas públicas no Bertón, en Ferrol, das que o 30% se destinarán a familias de entre 36 e 45 anos con fillos | Observatorio de Vivenda

A Xunta inicia as obras de 75 novas vivendas públicas no Bertón, en Ferrol, das que o 30% se destinarán a familias de entre 36 e 45 anos con fillos

A Xunta inicia as obras de 75 novas vivendas públicas no Bertón, en Ferrol, das que o 30% se destinarán a familias de entre 36 e 45 anos con fillos
  • A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, presentou hoxe esta nova promoción, na que se invisten 11,4M€
  • Reservarase tamén o 25% das futuras vivendas para menores de 36 anos
  • A conselleira destacou o emprego de técnicas industrializadas na construción das fachadas, no marco da aposta que a Xunta está a facer por este modelo “porque ademais de reducir tempos, gáñase eficiencia enerxética”
  • As 75 vivendas distribúense en 3 bloques lineais, de planta baixa e 5 alturas, con vivendas de 1 e 2 dormitorios, e o proxecto coida os espazos exteriores, con percorridos peonís e zonas abertas, pensadas para a relación dos usuarios
  • En Ferrol están en marcha 353 fogares públicos, dos cales 123 xa están agora en construción e, deles, 48 xa teñen adxudicatarios provisionais

 

A Xunta inicia as obras de 75 novas vivendas de promoción pública no barrio do Bertón, en Ferrol, das que o 30% se destinarán a familias de entre 36 e 45 anos con fillos. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, presentou hoxe esta nova promoción, na que se invisten 11,4M€.

Allegue indicou que serán vivendas destinadas á compra, e sinalou que a maioría dos inscritos no rexistro de demandantes corresponden a unidades familiares de 1, 2 e 3 membros, polo que neste caso a nova promoción contará con fogares de 2 e 1 dormitorios.

Deste xeito, no marco das medidas da Xunta para que máis persoas poidan acceder ás vivendas públicas, ademais do citado 30% para persoas de entre 36 a 45 con un ou dous fillos a cargo ou persoas dependentes, destinaranse o 25% para menores de 36 anos. O restante 45% destinarase aos cupos sen límite de idade.

As 75 vivendas distribúense en 3 bloques lineais, de planta baixa e 5 alturas. Serán fogares luminosos, accesibles e sostibles, a maioría con terrazas e que coidan especialmente tamén os espazos exteriores entre os 3 edificios, con percorridos peonís e zonas abertas, pensadas tamén para a relación e convivencia dos usuarios.

Fachada industrializada

A conselleira incidiu en que na construción destes fogares empregaranse técnicas industrializadas na construción das fachadas, no marco da aposta que a Xunta está a facer para impulsar este modelo.

“Temos -sinalou- un convenio co Clúster da Construción Galicia Constrúe e contamos con empresas punteiras en Galicia que o utilizan, porque non só se trata da redución de tempos, senón tamén de gañar eficiencia medio ambiental e enerxética, toda vez que o illamento térmico e acústico é moi superior á construción tradicional”.

Os traballos de construción desta promoción terán un prazo de execución de 20 meses.

353 vivendas en Ferrol

Con esta nova promoción, das 353 vivendas que o Goberno galego en marcha en Ferrol, son xa 123 as que están en obras, xa que ás 75 iniciadas hoxe súmanse os 48 fogares que están en execución e que se sortearon a pasada semana e teñen adxudicatarios provisionais.

O resto, 230 teñen obra adxudicada, entre elas 49 que se iniciaran proximamente, ou licitada, como é o caso das 65 vivendas cuxas obras están en licitación, con prazo de ofertas ata o 15 de outubro.

Fonte: Xunta de Galicia