A Xunta inicia as obras doutra promoción de 48 vivendas de promoción pública en Pontevedra, das que o 30% se destinará a compra para persoas entre 36 e 45 anos con fillos ou dependentes ao seu cargo | Observatorio de Vivenda

A Xunta inicia as obras doutra promoción de 48 vivendas de promoción pública en Pontevedra, das que o 30% se destinará a compra para persoas entre 36 e 45 anos con fillos ou dependentes ao seu cargo

A Xunta inicia as obras doutra promoción de 48 vivendas de promoción pública en Pontevedra, das que o 30% se destinará a compra para persoas entre 36 e 45 anos con fillos ou dependentes ao seu cargo

A Xunta acaba de iniciar as obras doutra promoción de 48 vivendas de promoción pública en Valdecorvos, en Pontevedra, das que o 30% se destinará a compra para persoas de entre 36 e 45 anos con fillos ou dependentes ao seu cargo. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou hoxe os traballos desta promoción, cuxo investimento acada 9,5M€.

Trátase da terceira promoción que se constrúe en Valdecorvos, despois das 74 vivendas xa entregadas en xullo aos seus inquilinos, as primeiras da lexislatura en Galicia, e do inmoble de 56 vivendas que está en construción no barrio. A transformación deste barrio continúa agora con estes 48 fogares que seguen os estándares de calidade da vivenda pública de Galicia.    

Allegue subliñou o deseño do inmoble, de baixo e 6 alturas, con vivendas de 2, 3 e 4 dormitorios e que tamén contará con 5 locais comerciais. Serán vivendas exteriores que coidan especialmente a eficiencia enerxética, organizados para recibir nas estancias de día o maior aporte de luz e calor proveniente da enerxía solar. No exterior, as vivendas distribúense cun patio central, que garante a ventilación cruzada dos fogares e o rexistro e fácil mantemento de todas as instalacións.

Indicou que no marco das novas medidas impulsadas para que máis familias accedan á vivenda protexida, tamén se incrementaron os limiares de renda, ata 4 veces o IPREM e 4,5 en familias numerosas. Como exemplo, explicou que unha parella cun fillo que anteriormente non podía acceder ás vivendas se superaba os 2.250 € de ingresos brutos ao mes en 14 pagas, agora poderá facelo con ingresos de ata arredor de 3.500€.

O investimento de 9,5M€ está financiado integramente con cargo a recursos propios autonómicos. As obras terán un prazo de execución de 18 meses.

Vivenda en Pontevedra

Na súa aposta por facilitar o acceso á vivenda en Pontevedra, a Xunta ten máis de 300 vivendas de promoción pública,. “Seguiremos traballando arreo construíndo, rehabilitando, desenvolvendo solo, para acadar máis vivenda pública -destacou-. Acompañándoo coas medidas que impulsamos para que máis familias poidan acceder á fogares protexidos”. 

Fonte.- Xunta de Galicia