A Xunta inicia a rehabilitación dun novo edificio en Mondoñedo no marco das actuacións para crear 11 vivendas públicas | Observatorio de Vivenda

A Xunta inicia a rehabilitación dun novo edificio en Mondoñedo no marco das actuacións para crear 11 vivendas públicas

A Xunta inicia a rehabilitación dun novo edificio en Mondoñedo no marco das actuacións para crear 11 vivendas públicas

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas comezou a rehabilitación integral do edificio situado no número 30 da rúa Febrero de Mondoñedo, no marco dos proxectos que ten en marcha para crear 11 vivendas de promoción pública na localidade.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, comprobou os traballos iniciados hai uns días. Explicou que se acondiciona unha casa de dúas plantas e dous dormitorios, con 83,4 metros cadrados de superficie útil, e cun patio de 16,4 metros cadrados que acolle unha estrutura para lavadoiro ou almacenaxe. O orzamento concreto nesta construción supera os 280.000 euros.

Villares lembrou que forma parte do contrato adxudicado o pasado mes de marzo por importe total de 2.842.000 euros, que sumará un total de 10 vivendas en seis edificios diferentes do núcleo.

As outras actuacións incluídas na adxudicación son a rehabilitación integral dun edificio para unha vivenda e un rocho na praza Muíños de Arriba 24; dous inmobles para catro VPP e catro rochos na rúa Guevara 7 e 9, e outro para dúas VPP na rúa Álvaro Cunqueiro 34. Tamén figura a remodelación e reforzo estrutural de dúas VPP e mellora da envolvente térmica dun inmoble na rúa Progreso 10 da localidade.

Por outra parte, están moi avanzadas as obras que se veñen executando desde o pasado verán no inmoble número 4 da rúa Peña de Francia, nas que se invisten preto de 300.000 euros; neste caso habilítase unha vivenda destinada a alugueiro para menores de 36 anos.

O delegado territorial sinalou que estas intervencións corresponden ao programa Rexurbe e teñen por obxectivo restaurar o patrimonio e facilitar o acceso á vivenda, especialmente da xente moza, contribuíndo a reforzar o tecido económico e social da zona. Ao respecto, apuntou que Mondoñedo foi o municipio no que se declarou a primeira Área Rexurbe de Galicia, no ano 2020, grazas ao traballo coordinado entre as Administracións autonómica e local.

Fonte.- Xunta de Galicia