A Xunta investirá máis de 50 M€ no desenvolvemento do ámbito de Mallou e prevé un investimento inducido de 600 M€ para crear un novo barrio para 8.000 persoas | Observatorio de Vivenda

A Xunta investirá máis de 50 M€ no desenvolvemento do ámbito de Mallou e prevé un investimento inducido de 600 M€ para crear un novo barrio para 8.000 persoas

A Xunta investirá máis de 50 M€ no desenvolvemento do ámbito de Mallou e prevé un investimento inducido de 600 M€ para crear un novo barrio para 8.000 persoas

A Xunta investirá máis de 50M€ no desenvolvemento do ámbito de Mallou, en Santiago de Compostela, e prevé un investimento inducido de 600M€ para crear un novo barrio para 8.000 persoas. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, presentou hoxe o Proxecto de Interese Autonómico (PIA) para a cidade, o sétimo dos que tramita a Xunta que acada a aprobación inicial.

Allegue puxo en valor a aposta da Xunta pola vivenda en Santiago, cidade na que neste 2026 se entregarán as primeiras vivendas da lexislatura en Lamas de Abade e O Castiñeiriño, con este novo fito da aprobación inicial do PIA en Mallou para desenvolver solo onde se poderán construír 3.609 vivendas, o 80% delas protexidas. “Un futuro próximo barrio para esta cidade -sinalou-, un proxecto para facilitar o crecemento desta cidade polo norte, ao carón da zona urbana xa existente”.

A conselleira destacou o deseño do proxecto, que distribúe a superficie do ámbito en cinco grandes mazás, separadas por unha rede viaria estruturante, e que xerará un eixo norte sur e amplas zonas verdes de carácter natural en torno ao cauce do río Mallou, afluente do Sar. Dentro de cada dun deles ordénanse cuarteiróns menores onde se dispoñen as zonas para vivendas, equipamentos públicos, zonas verdes e unha rede viaria de servizo ou acceso.

As 3.600 vivendas, que dan continuidade á actual trama urbana, distribuiranse en bloques de varias alturas, entre 3, 4, 6, 7 e 9, agás un edificio de 13 alturas.

No que atinxe ás zonas verdes, ocuparán  máis de 130.000 m2, con máis de 3.500 árbores e itinerarios para fomentar a mobilidade sostible. E outros 45.290 m2 destínanse a espazos para equipamentos. Estes equipamentos sitúanse maiormente en posición periférica ao sector para facilitar o acceso, ademais, á poboación do contorno.

Allegue incidiu tamén que o ámbito terá como espazo central unha praza na contorna da fonte-lavadeiro de Mallou, que incorporará o camiño antigo do río. Deste xeito, búscase a mellor integración dos elementos que xa existen e que forman parte da memoria da veciñanza do lugar.

Mobilidade sostible

Búscase ademais unha mobilidade urbana sostible, coa diferenciación entre vías estruturantes para tráfico fluído e viarios de proximidade que conteñen espazos axardinados e amplas beirarrúas, pensados para a convivencia. Incorpóranse un carril bici e espazos para o transporte público.

O número de prazas de aparcamento previstas é algo máis de 3.500 prazas, das cales preto de 900 serán públicas.

Por outra banda, a urbanización permitirá dotar ao ámbito de todos os servizos: saneamento, abastecemento, pluviais, redes de iluminación, de gas e de telecomunicacións, todo  integrado polo sistema viario definido.

Prazos

Tras a aprobación inicial do PIA o pasado luns no Consello da Xunta e da publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia, ábrese un prazo de 15 días para a presentación de alegacións.

O seguinte paso será a análise dos informes sectoriais que xa se están a solicitar e previsión é que o PIA conte coa aprobación definitiva este ano, para licitar a obra de urbanización no vindeiro ano 2027. A previsión é que no 2028 se poidan simultanear as obras de urbanización e de edificación.

Vivenda en Santiago

Ademais de desenvolver este solo residencial, a Xunta ten na actualidade en marcha en Santiago 60 vivendas públicas en Lamas de Abade e O Castiñeiriño, ademais doutros 60 aloxamentos compartidos en Xoán XXIII. Así mesmo, desenvolverá máis vivenda pública en Salgueiriños e en Volta de Castro, grazas á modificación normativa que fixemos para construír en solos dotacionais en desuso, coa futura construción de 244 e 36 novas vivendas públicas respectivamente.

Fonte.- Xunta de Galicia