A Xunta licita a construción de 26 vivendas públicas nas Galanas, en Teo, que suporán un investimento autonómico de case 5 M€ | Observatorio de Vivenda

A Xunta licita a construción de 26 vivendas públicas nas Galanas, en Teo, que suporán un investimento autonómico de case 5 M€

A Xunta licita a construción de 26 vivendas públicas nas Galanas, en Teo, que suporán un investimento autonómico de case 5 M€

A Xunta licita a construción de 26 vivendas públicas nas Galanas, en Teo, que suporán un investimento autonómico de case 5M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, detallou hoxe esta actuación.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe esta intervención e as empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 20 de maio.

Estas vivendas, que serán financiadas na súa totalidade polo Goberno galego, construiranse nunha parcela cedida gratuitamente polo Concello de Teo.

Os novos fogares, de 2, 3 e 4 dormitorios, serán “eficientes enerxeticamente, con sistema de aerotermia previsto na cuberta e paneis fotovoltaicos”, tal como sinalou a conselleira. Destacou que se trata de “vivendas accesibles e de calidade, sinais característicos dos inmobles que está a promover a Xunta”.

Lembrou que estas vivendas nas Galanas se suman ás 37 previstas na Ramallosa, cun orzamento de case 8,8M€. Neste caso, o mes pasado licitouse conxuntamente a redacción do proxecto, a dirección da obra e as obras e a presentación de ofertas remata o próximo 12 de maio.

Recordou que hai un ano o presidente Alfonso Rueda asinaba un acordo de colaboración cos concellos de Lalín, A Estrada e Teo para a cesión de parcelas para a construción de vivenda pública. Sinalou que “era o primeiro paso para construír máis de 70 vivendas en total nestes tres municipios”. 

Agradeceu a colaboración do Concello de Teo, que foi un dos primeiros que cedeu gratuitamente solo á Xunta para edificar vivenda pública. Na actualidade, un total de 16 municipios proporcionaron parcelas ao Goberno galego e convidou a que se sigan incorporando máis concellos a esta iniciativa, xa que “a cooperación é a fórmula máis eficaz para continuar acadando fogares”.

Apuntou que a Xunta segue traballando para facer fronte ao reto de duplicar o parque público residencial na comunidade. Enmarcou este obxectivo na folla de ruta trazada para esta lexislatura e tamén co novo Pacto de Vivenda, que establece que no 2030 Galicia contará cun parque público residencial de 10.000 vivendas.

Reiterou ao Goberno central a urxencia da aprobación do Plan Estatal de Vivenda, pois “están  bloqueados arredor de 80M€ en axudas”.

Novas medidas no eido da vivenda

Por outra parte, a conselleira destacou as novas medidas en materia de vivenda que onte anunciou o presidente Rueda no Debate de Estado de Autonomía. Fixo fincapé en que na vivenda que constrúa a Xunta en réxime de compraventa, reservarase o 30% para as persoas con idades comprendidas entre o 36 e 45 anos, con fillos ou persoas dependentes ao seu cargo.

Tamén lembrou que se aumentará o limiar máximo de renda para optar a unha vivenda pública ata catro veces o Iprem —no caso das familias numerosas o teito elevarase a 4,5 veces o Iprem—. Puxo como exemplo que no caso dunha parella cun fillo, incrementarase o límite de ingresos brutos mensuais desde os 2.600€ aos 3.530€.

Fonte.- Xunta de Galicia