A Xunta licita a construción de 28 vivendas públicas na Estrada, cun investimento autonómico de 4,8 M€ | Observatorio de Vivenda

A Xunta licita a construción de 28 vivendas públicas na Estrada, cun investimento autonómico de 4,8 M€

A Xunta licita a construción de 28 vivendas públicas na Estrada, cun investimento autonómico de 4,8 M€

A Xunta licita a construción de 28 vivendas públicas na Estrada, que suporán un investimento de 4,8M€, financiado integramente con fondos autonómicos. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, detallou hoxe esta nova actuación.

Allegue sinalou que a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe esta intervención e as empresas poderán presentar as ofertas ata o vindeiro 28 de maio.

Indicou que xa está o proxecto redactado para construír un edificio nunha parcela situada na Avenida de Vigo, un solar cedido de balde polo Concello da Estrada.

Concretou que se trata dun inmoble en forma de L, con vivendas de 2, 3 e 4 dormitorios; uns fogares accesibles, cunha construción de calidade e  eficientes enerxeticamente.

Detallou que estes fogares, que serán de promoción pública e terán cualificación permanente, están destinados aos inscritos no Rexistro de Demandantes no Concello da Estrada.

Puxo en valor a importancia da cooperación entre administracións e insistiu en que “sen solo dispoñible non se pode edificar”. Neste sentido, agradeceu a colaboración do Concello da Estrada, un dos 16 municipios que están a ceder parcelas á Xunta para construír vivenda pública.

Máis facilidades no acceso á vivenda pública

Remarcou o esforzo técnico e financeiro da Xunta, que xa ten en marcha máis de 4.000 vivendas públicas, avanzando así no compromiso de duplicar o parque público residencial en Galicia.

Subliñou que o Goberno galego, tras o anuncio do presidente Rueda no Debate de Estado de Autonomía, activa novas medidas para que máis galegos poidan acceder ás vivendas públicas. Para acadar ese obxectivo, aumentarase o limiar máximo de renda, ata 4 veces o Iprem, 4,5 no caso das familias numerosas.

Por exemplo, no caso dunha parella cun fillo, ata agora non podía exceder de 2.250 euros mensuais brutos ao mes e agora o límite sitúase en 3.530 euros brutos ao mes. E para unha familia numerosa, o límite era de 2.571 euros e co novo limiar (4,5 Iprem) ascende a 4.154 euros.

Engadiu ademais que das vivendas en réxime de compraventa que impulse a Xunta, reservarase o 30% para persoas de entre 36 e 45 anos, especialmente para as que teñen fillos.

Fonte.- Xunta de Galicia