A Xunta licita o proxecto das novas vivendas públicas da rúa das Cunchas de Sanxenxo, que adxudicará en alugueiro entre persoas menores de 36 anos | Observatorio de Vivenda

A Xunta licita o proxecto das novas vivendas públicas da rúa das Cunchas de Sanxenxo, que adxudicará en alugueiro entre persoas menores de 36 anos

A Xunta licita o proxecto das novas vivendas públicas da rúa das Cunchas de Sanxenxo, que adxudicará en alugueiro entre persoas menores de 36 anos

A Xunta licita por importe de 306.000€ a redacción do proxecto para ao redor de 40 vivendas públicas na rúa das Cunchas de Sanxenxo, que adxudicará en alugueiro entre persoas menores de 36 anos. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, anunciou hoxe esta licitación tras asinar co alcalde, Telmo Martín, o acordo de cesión desta parcela.

Allegue puxo en valor a colaboración “altruísta” do Concello de Sanxenxo con esta nova cesión de solo para seguir avanzando no reto de facilitar o acceso da cidadanía á vivenda. Sinalou que xunto ao proxecto das vivendas que se desenvolverán nesta céntrica rúa, próxima á praia de Silgar, e que serán de 2 dormitorios, a empresa adxudicataria deberá deseñar tamén a ordenación do ámbito, xa que se xerará un espazo libre de uso público, que se cederá ao Concello.

Apuntou que os futuros fogares adxudicaranse en alugueiro entre persoas menores de 36 anos inscritas no Rexistro Único de demandantes de vivenda, que sexan residentes ou que traballen no concello, facilitando así a súa emancipación.  

A contratación da redacción do proxecto e dirección de obra destes fogares na rúa das Cunchas foi aprobada o pasado luns no Consello da Xunta e a Plataforma de Contratos de Galicia recolle xa hoxe a licitación, cun prazo para que as empresas presenten ofertas ata o 13 de xullo.

Froito tamén da cooperación co Concello, a Xunta ten tamén en proceso de licitación a redacción do proxecto e a construción con técnicas industrializadas doutras 25 vivendas públicas en Noalla, noutra parcela cedida pola Administración local. A este contrato, cun importe de ao redor de 7M€, presentáronse 13 ofertas de empresas.

Ademais, lembrou que o Concello adheriuse ao Fondo de Cooperación da Xunta para adquirir terreos en Vilalonga nos que se prevé un Proxecto de Interese Autonómico (PIA) para desenvolver solo onde construír vivenda.

Fonte.- Xunta de Galicia