A Xunta licita as obras de 50 novas vivendas públicas en San Paio de Navia, en Vigo, que suporán un investimento autonómico de máis de 10,7 M€ | Observatorio de Vivenda

A Xunta licita as obras de 50 novas vivendas públicas en San Paio de Navia, en Vigo, que suporán un investimento autonómico de máis de 10,7 M€

A Xunta licita as obras de 50 novas vivendas públicas en San Paio de Navia, en Vigo, que suporán un investimento autonómico de máis de 10,7 M€

A Xunta licita as obras de 50 novas vivendas públicas en San Paio de Navia, en Vigo, que suporán un investimento autonómico de máis de 10,7M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, detallou esta actuación, financiada exclusivamente con fondos da propia comunidade.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia xa recolle hoxe esta licitación e as empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 11 de maio.

Allegue explicou que se construirán dous novos edificios neste polígono 2. Nunha das parcelas levantarase un inmoble para 18 vivendas, de 3 e 2 dormitorios; e na outra, construirase outro edificio para 32 fogares, neste caso de 2, 3 e 4 dormitorios. Todas as vivendas contarán ademais con praza de garaxe e rocho.

Subliñou que “serán fogares accesibles e de calidade, un sinal de identidade dos inmobles que está  a promover a Xunta”.

Recordou que estas vivendas públicas se suman ás 172 licitadas hai dúas semanas por un orzamento de máis de 37 M€.

Puxo como exemplo da aposta da Xunta pola vivenda a cidade de Vigo e máis concretamente o barrio de San Paio de Navia, onde hai en desenvolvemento 920 vivendas de promoción pública, do total das 1.600 protexidas previstas neste ámbito.

Lembrou que tamén está aprobado inicialmente o PIA no ámbito de Lavadores para 2.000 vivendas, todas protexidas; e ademais están previstas outras máis de 1.300 en Ramón Nieto.

Fixo fincapé en que a Xunta segue avanzando no reto de duplicar o parque público residencial, para o que continúa “construíndo, rehabilitando e desenvolvendo solo no que poder edificar”.

Salientou que este traballo se enmarca na  folla de ruta para esta lexislatura e tamén no novo Pacto de Vivenda, que establece que no 2030 Galicia contará cun parque público residencial de 10.000 vivendas.

Fonte.- Xunta de Galicia