A Xunta licita as obras de 59 vivendas públicas en Paradai, en Lugo, cun investimento de 10,7 M€ | Observatorio de Vivenda

A Xunta licita as obras de 59 vivendas públicas en Paradai, en Lugo, cun investimento de 10,7 M€

A Xunta licita as obras de 59 vivendas públicas en Paradai, en Lugo, cun investimento de 10,7 M€

A Xunta licita as obras de 59 vivendas públicas en Paradai, en Lugo, que suporán un investimento de 10,7M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, deu conta hoxe desta actuación.

Allegue explicou que a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe esta licitación, que autorizaba o Consello da Xunta hai tan só unha semana. As empresas poderán presentar ofertas ata o vindeiro día 29 de xuño.

Estas vivendas, que se financiarán con fondos propios autonómicos, construiranse en Paradai, en terreos acadados nunha permuta co Concello de Lugo.

Trátase dun inmoble de baixo e 6 alturas, situado nunha zona urbana consolidada, cunha boa situación fronte á estación de ferrocarril e un eixo viario que funciona como vía de circunvalación urbana. As vivendas, de 2, 3 e 4 dormitorios, serán accesibles, de calidade e eficientes enerxeticamente.

Estes fogares, que serán de promoción pública e terán cualificación permanente, están destinados aos inscritos no Rexistro de Demandantes no Concello de Lugo.

A conselleira salientou o compromiso da Xunta coa vivenda en Lugo, onde están en marcha xa máis de 600 vivendas públicas, a meirande parte en Garabolos, onde xa están en obras 146 vivendas.

Recordou que o Goberno galego tamén vén de licitar as obras de 152 novas vivendas públicas en Garabolos por un total de 26,5M€.

Ademais está en redacción o proxecto para construír 50 aloxamentos temporais para menores de 36 anos na parcela da rúa Illa Coelleira.

Cómpre lembrar que a Xunta está a activar novas medidas para que máis galegos poidan acceder ás vivendas públicas. Para acadar ese obxectivo, aumentarase o limiar máximo de renda, ata 4 veces o Iprem, 4,5 no caso das familias numerosas.

Fonte.- Xunta de Galicia