A Xunta licita as obras de 79 novas vivendas de promoción pública en Ames, cun investimento de 14,7M€ | Observatorio de Vivenda

A Xunta licita as obras de 79 novas vivendas de promoción pública en Ames, cun investimento de 14,7M€

A Xunta licita as obras de 79 novas vivendas de promoción pública en Ames, cun investimento de 14,7M€

A Xunta licita as obras de 79 novas vivendas de promoción pública no concello de Ames, cun investimento de 14,7M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, deu conta hoxe desta nova promoción.

As 79 vivendas construiranse na parcela da rúa Agriños que foi cedida gratuitamente polo Concello. A promoción, de baixo, cinco alturas e áticos, contará con fogares de eficiencia enerxética A, con 2, 3 e 4 dormitorios.

Allegue enmarcou esta promoción no reto da Xunta para esta lexislatura para duplicar o parque público residencial, cos 4.000 novos fogares comprometidos xa en marcha, tanto en solo de titularidade autonómica como cedidos polos concellos “para facilitar o acceso da cidadanía á vivenda”.

Subliñou a calidade do deseño para estes fogares públicos e lembrou que desde a sinatura do convenio de cesión da parcela hai un ano, a Xunta foi dando pasos ata a licitación hoxe destas obras, autorizada no Consello do pasado luns. As empresas poderán presentar ofertas ata o 15 de outubro para estas obras e a conselleira destacou que se adxudicarán coa maior axilidade para que se materialicen o antes posible. Terán un prazo de execución de 19 meses.

A conselleira puxo en valor a colaboración co Concello de Ames, onde ademais desta promoción de 79 vivendas, a Administración autonómica creará outras 140 noutra parcela cedida en Galdrachán. E indicou que con este son xa 17 os municipios galegos que cederon solo á Xunta de xeito gratuíto para construción de vivenda pública.

Concurso de proxectos

No caso desas vivendas, a Xunta convocou un concurso de proxectos para o deseño da promoción, cun orzamento de 1,4M€. Presentáronse 122 propostas e o xurado xa seleccionou as 6 ofertas convidadas a participar na segunda fase do concurso. A conselleira indicou que previsiblemente a mediados de setembro se coñecerá a proposta gañadora.

Medidas para facilitar o acceso á vivenda

Lembrou que ademais da construción e a rehabilitación de vivenda, a Xunta está a impulsar medidas para que máis persoas poidan accedan a novos fogares.

Deste xeito, incrementáronse os limiares de renda ata 4 veces o Iprem (4,5 familias numerosas). Así, no caso dunha parella cun fillo, ata agora o limiar máximo estaba en 2.250€ mensuais brutos e pasa a 3.530€ brutos. E para unha familia numerosa, o límite era de 2.571€ e agora de 4.154€.

Ademais, acordouse a reserva do 30% da nova vivenda en réxime de compra-venda para persoas de entre 36 e 45 anos con fillos ao seu cargo, que se une á reserva do 40% das novas vivendas para alugueiro e 25% para compra a menores de 36 anos.

Fonte.- Xunta de Galicia