A Xunta licita os sete primeiros contratos para a redacción dos proxectos de urbanización de solo para vivenda, fundamentalmente protexida | Observatorio de Vivenda

A Xunta licita os sete primeiros contratos para a redacción dos proxectos de urbanización de solo para vivenda, fundamentalmente protexida

A Xunta licita os sete primeiros contratos para a redacción dos proxectos de urbanización de solo para vivenda, fundamentalmente protexida

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello da Xunta autorizou a licitación dos contratos para a redacción dos proxectos de urbanización dos sete Proxectos de Interese Autonómico (PIA) “que xa teñen aprobación inicial”. O importe de licitación do contrato será de 6.366.604,24 euros.

Tal e como detallou o presidente, o contrato inclúe os seguintes sete lotes:

  • Lote 1. Santiago de Compostela. Mallou. Previstas 3.609 vivendas
  • Lote A Coruña. SUD Monte Mero. Previstas 4.397 vivendas.
  • Lote Arteixo. A Baiuca – A Penouqueira. Previstas 160 vivendas.
  • Lote Lugo. SR-5 Sagrado Corazón. Previstas 1.265 vivendas
  • Lote Ourense. SU1 Escorial-Vinteún.  Previstas 1.435 vivendas
  • Lote Pontevedra. SB2-Fase II e SB5 (San Mauro). Previstas 2.010 vivendas
  • Lote Vigo. SUB 405 Ofimático. Previstas 2.000 vivendas

Rueda sinalou que, en total, nos sete PIAs para os que se licita a redacción do proxecto de urbanización aloxarán 14.876 vivendas. En todos os ámbitos, do total das vivendas construídas “o 80 por cento das vivendas van ser protexidas” e o 20 por cento restante libres.

A Xunta licitará esta mesma semana este contrato, contando os interesado nestes lotes cun prazo dun mes para a presentación de ofertas. Rueda afirmou que o obxectivo é que as obras de urbanización “se poidan licitar en 2027”, unha vez aprobados os proxectos e adquiridos os terreos.

Ademais destes sete PIAs a Xunta traballa noutros seis emprazados, outro máis en Vigo, xunto cos de Vilagarcía de Arousa, Marín, O Porriño, Ribadeo e Cangas.

Estes PIAs forman parte da Estratexia Galega de Solo Residencial a desenvolver nas grandes cidades, no seu entorno e en zonas de alta demanda, para a construción de 25.000 vivendas, das que 20.000 serán protexidas.

O Goberno galego é pioneiro en empregar esta figura dos Proxectos de Interese Autonómico para axilizar prazos para que estes fogares sexan unha realidade canto antes.

Deste xeito, a Xunta ten en marcha 13 PIA en 12 concellos no que vai de lexislatura: Lugo, Vigo (son 2), Arteixo, Pontevedra, Ourense, A Coruña, Santiago de Compostela, Marín, O Porriño, Vilagarcía de Arousa, Ribadeo e Cangas.

Fonte.- Xunta de Galicia