A Xunta licita por 15,7 M€ a construción de 73 novas vivendas públicas en San Paio de Navia | Observatorio de Vivenda

A Xunta licita por 15,7 M€ a construción de 73 novas vivendas públicas en San Paio de Navia

A Xunta licita por 15,7 M€ a construción de 73 novas vivendas públicas en San Paio de Navia

A Xunta licita a construción de 73 novas vivendas de promoción pública no barrio de San Paio de Navia, en Vigo, cun investimento de 15,7M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, detallou hoxe esta nova actuación.

En concreto, construiranse dous inmobles para 49 e 24 vivendas públicas no Polígono 2 de San Paio de Navia. No primeiro caso, o edificio contará cunha vivenda de 1 dormitorio, 9 de 2 (das que 2 serán adaptadas para persoas con mobilidade reducida), 3 vivendas de 3 dormitorios e 6 de 4 estancias. No que atinxe ao inmoble de 24 vivendas, serán 20 de 3 dormitorios e 4 vivendas de 2 estancias (1 delas adaptada).

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe esta licitación e as empresas, como explicou a conselleira, poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 25 de maio.

Allegue puxo en valor a aposta da Xunta en materia de vivenda en Vigo e sinalou que desde o pasado mes de marzo o Goberno galego licitou as obras de case 300 novas vivendas no Polígono 2 de Navia, cun investimento de 63,6M€.

Así, licitouse a construción de 172 vivendas por 37,2M€ e doutras 50 por 10,7M€ e as empresas poden presentar ofertas ata o 6 e o 11 de maio respectivamente.

Hai que lembrar que son un total de 924 os futuros fogares públicos xa en marcha nos Polígonos 1 e 2 de Navia (309 en obras), do total de 4.000 en Galicia coas que o Goberno galego avanza no compromiso de duplicar o parque público residencial.

“Desde a Xunta construímos, rehabilitamos e axilizamos os trámites o máximo posible, porque non hai tempo que perder no obxectivo de facilitar o acceso á vivenda -sinalou-. Construímos fogares, como é o noso sinal de identidade, con todos os estándares de calidade e accesibles. Vivendas, polo tanto, que representan o noso selo Galicia Calidade.”

Máis facilidades no acceso á vivenda pública 

Allegue recordou as novas medidas impulsadas polo Goberno galego para facilitar o acceso da cidadanía á vivenda. Así, para acadar ese obxectivo, aumentarase o limiar máximo de renda, ata 4 veces o Iprem, 4,5 no caso das familias numerosas.

Deste xeito, no caso dunha parella cun fillo, ata agora non podía exceder de 2.250 euros mensuais brutos ao mes e agora o límite sitúase en 3.530 euros brutos ao mes. E para unha familia numerosa, o límite era de 2.571 euros e co novo limiar (4,5 Iprem) ascende a 4.154 euros.

Engadiu ademais que das vivendas en réxime de compravenda que impulse a Xunta, reservarase o 30% para persoas de entre 36 e 45 anos con fillos. E impulsarase a nova bonificación ata o 100% no imposto de Actos Xurídicos Documentados.

Fonte.- Xunta de Galicia