A Xunta licita por 2,4 M€ as obras de construción de 12 vivendas de promoción pública en San Cibrao das Viñas, que se ofrecerán en compra | Observatorio de Vivenda

A Xunta licita por 2,4 M€ as obras de construción de 12 vivendas de promoción pública en San Cibrao das Viñas, que se ofrecerán en compra

A Xunta licita por 2,4 M€ as obras de construción de 12 vivendas de promoción pública en San Cibrao das Viñas, que se ofrecerán en compra
  • A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, informou hoxe desta nova actuación
  • As empresas poderán presentar as súas ofertas ata o 30 de outubro e, unha vez adxudicadas, as obras terán un prazo de execución de 19 meses
  • A promoción, impulsada pola Xunta nun solo cedido gratuitamente polo Concello, contará con vivendas de 2, 3 e 4 dormitorios, todas destinadas á venda
  • Allegue subliña que o 30% das futuras vivendas reservarase para persoas de entre 36 e 45 anos con fillos ao seu cargo, e o 25% para menores de 36 anos
  • Pon en valor o exemplo de San Cibrao das Viñas, un dos 17 concellos que cederon gratuitamente solo para vivenda pública, e a necesidade de seguir avanzando no traballo conxunto das administracións e a cooperación do sector privado

 

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, anunciou hoxe a licitación das obras de construción de 12 vivendas de promoción pública en San Cibrao das Viñas, que se licitan cun orzamento de 2,4 M€ e que se ofrecerán en réxime de compra.

A actuación parte do convenio de cesión gratuíta dos terreos asinado entre a Xunta e o Concello. M. Allegue explicou que, nese mesmo día, se licitou a redacción do proxecto e a dirección de obra, que foi elaborado pola UTE AM2-Javier López Franco. Unha vez rematado o proxecto e tres días despois de a autorización do Consello da Xunta, hoxe se procede á licitación das obras.

As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 30 de outubro.

O proxecto obxecto de licitación prevé a construción dun inmoble de tres alturas, con vivendas de 2, 3 e 4 dormitorios, que estarán destinadas á compra.

A conselleira salientou que se trata dunha promoción que aposta por vivendas confortables, accesibles, luminosas, ben illadas e eficientes enerxéticamente, ademais de integradas na contorna e baixo os criterios de calidade que a Xunta promove co selo Galicia Calidade.

Facilitar o acceso

A conselleira sinalou que San Cibrao das Viñas, polo seu crecemento poboacional e a súa media de idade nova, é un dos municipios que se pode beneficiar especialmente das medidas da Xunta. Neste caso, o sorteo realizarase ante notario, e tal e como sinalou a conselleira “serán ofrecidas entre os inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda que estean empadroados en San Cibrao das Viñas, ou ven que traballen no municipio e quedarse a vivir aquí”.

Allegue destacou que estas vivendas se beneficiarán das novas medidas impulsadas pola Xunta para facilitar o acceso á vivenda pública. Así, o 30 % dos fogares reservarase para persoas de entre 36 e 45 anos con fillos ao cargo, mentres que o 25 % estará reservado para menores de 36 anos.

Tamén a Xunta elevou os límites de renda en ata 4 veces o IPREM, ou 4,5 veces no caso das familias numerosas, co obxectivo de que máis familias poidan optar a estas vivendas.

A conselleira agradeceu a colaboración do Concello de San Cibrao das Viñas, un dos 17 municipios galegos que cederon gratuitamente solo á Xunta para impulsar vivenda pública, e puxo en valor a necesidade de seguir avanzando mediante o traballo conxunto das administracións e a colaboración do sector privado.

Fonte: Xunta de Galicia