A Xunta licita por 2,6 M€ a redacción dos Proxectos de Interese Autonómico para facilitar solo para máis de 15.000 vivendas en sete concellos | Observatorio de Vivenda

A Xunta licita por 2,6 M€ a redacción dos Proxectos de Interese Autonómico para facilitar solo para máis de 15.000 vivendas en sete concellos

A Xunta licita por 2,6 M€ a redacción dos Proxectos de Interese Autonómico para facilitar solo para máis de 15.000 vivendas en sete concellos

O Instituto Galego de Vivenda e Solo da Xunta vén de licitar hoxe, por un importe de 2,6 M€, a redacción dos Proxectos de Interese Autonómico (PIA) para o desenvolvemento de solo residencial para as primeiras 15.110 vivendas previstas na Estratexia Galega de Solo Residencial nos concellos de Vigo, Pontevedra, Santiago, Ourense, Lugo, A Coruña e Arteixo. Os ámbitos onde se desenvolverá solo suman unha superficie total de 1,5 millóns de metros cadrados, e a previsión da Xunta é a de iniciar no 2028 as obras de urbanización nas parcelas onde se construirá vivenda.

A licitación inclúe a redacción dos proxectos de interese autonómico, do proxecto de expropiación e de parcelamento para a obtención de solo destinado maioritariamente á construción de vivendas protexidas nos citados concellos. As empresas poderán presentar as súas ofertas con prazo ata o 8 de xaneiro.

En concreto, o solo que vai urbanizar a Xunta terá capacidade para aproximadamente 15.110 novas vivendas. Por concellos, urbanizarase solo para aproximadamente 3.460 vivendas en Santiago; 4.310 na Coruña; 160 en Arteixo; 1.200 en Lugo; 1.640 en Ourense; 2.040 en Pontevedra e 2.300 en Vigo. No caso da cidade compostelá, o ámbito escollido sitúase no solo urbanístico de Mallou, mentres que na Coruña elixiuse solo en Monte Mero; en Arteixo en Baiuca-Penouqueira; en Lugo no barrio Sagrado Corazón; en Ourense na zona Escorial-Vinteún; no concello de Pontevedra hai dous solos en San Mauro e, por último, en Vigo desenvolverase solo na zona do Ofimático.

A previsión da Xunta é ter adxudicados os contratos de redacción dos proxectos ao longo do vindeiro 2025, a fin de aprobar os PIA en xullo do 2026 e iniciar a continuación o proceso de expropiacións, entre ese ano e o 2027. Os proxectos de urbanización redactaranse entre febreiro e novembro de 2026 e, finalmente, as obras de urbanización comezarán no 2028.

Fonte.- Xunta de Galicia