A Xunta licita a redacción do Proxecto de Interese Autonómico para desenvolver solo para 300 vivendas en Ribadeo | Observatorio de Vivenda

A Xunta licita a redacción do Proxecto de Interese Autonómico para desenvolver solo para 300 vivendas en Ribadeo

A Xunta licita a redacción do Proxecto de Interese Autonómico para desenvolver solo para 300 vivendas en Ribadeo

A Xunta publica hoxe a licitación do contrato para a redacción do proxecto de interese autonómico (PIA) e redacción do proxecto de expropiación e reparcelación para o desenvolvemento de solo residencial en Ribadeo, destinado á construción de 300 vivendas protexidas.

O importe de licitación é de 248.994,70 euros, IVE incluído. Os adxudicatarios disporán dun prazo de tres meses para a presentación do borrador do PIA e do documento necesario para iniciar a tramitación ambiental estratéxica.

A redacción do PIA é o inicio do procedemento para a urbanización de solo, con destino a vivenda protexida, no denominado SUD-R2, que conta cunha superficie aproximada de 7,6 hectáreas. O ámbito comprende parte da superficie delimitada pola Avenida da Ría de Ribadeo, a N-642 e a Pista Reverte-Vilar, situada ao oeste da vila.

Esta iniciativa insírese na Estratexia de solo residencial que está a executar a Xunta de Galicia co obxectivo de desenvolver solo para 25.000 vivendas, das que 20.000 serán protexidas.

Actualmente están xa aprobados inicialmente sete PIAs en ámbitos de Lugo, Vigo, Arteixo, Ourense, Pontevedra, A Coruña e Santiago de Compostela e a Xunta tramita , ademais do de Ribadeo, outros en Vigo, Vilagarcía de Arousa, O Porriño, Marín e Sanxenxo.

Fonte.- Xunta de Galicia