A Xunta multiplica por 5 a aportación ao Plan Estatal de Vivenda e a conselleira Allegue pide ao Goberno que faga o mesmo | Observatorio de Vivenda

A Xunta multiplica por 5 a aportación ao Plan Estatal de Vivenda e a conselleira Allegue pide ao Goberno que faga o mesmo

A Xunta multiplica por 5 a aportación ao Plan Estatal de Vivenda e a conselleira Allegue pide ao Goberno que faga o mesmo

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, destacou que a Xunta multiplicará por cinco a súa achega ao novo Plan Estatal de Vivenda e reclamou ao Goberno central que incremente tamén o seu esforzo e “faga o mesmo” para dar unha resposta acorde á demanda existente. Así o subliñou M. Allegue, tras participar vía telemática xunto ao secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, na Conferencia Sectorial de Vivenda, na que se abordou o acordo de reparto de fondos estatais. 

Allegue reiterou as críticas polos seis meses de retraso que acumula xa o Plan Estatal e lamentou a ausencia da ministra na reunión, ao considerar que era unha oportunidade para abordar directamente unha cuestión clave para todas as comunidades autónomas.

A conselleira explicou que Galicia asumirá a cofinanciación do 40 % esixida polo Estado. Neste sentido, pediu ao Goberno central que realice tamén un maior esforzo, xa que apenas duplican a súa aportación, e acompañe ás comunidades autónomas cun financiamento suficiente: “Polo tanto, o que pedimos é que, polo menos, realicen a mesma aportación que facemos desde Galicia, porque é totalmente insuficiente”, remarcou.

Un Plan Estatal que chega tarde

Durante a súa intervención, Allegue lamentou que o Plan Estatal de Vivenda chegue tarde e sinalou que, estando xa no mes de xuño, a previsión de transferir os fondos na segunda quincena de xullo obrigará ás comunidades autónomas a traballar “a destempo” para poder realizar convocatorias neste exercicio.

A conselleira lembrou que son as comunidades autónomas as que executan as políticas de vivenda sobre o territorio e advertiu das dificultades que supón contar con tan pouco marxe para poñer en marcha os programas. Subliñou así que o Plan Estatal “xera expectativas que non vai poder cubrir” e que a súa dotación resulta “claramente insuficiente” fronte á situación actual.

Como exemplo, explicou que os fondos previstos para Galicia permitirán actuar, como máximo, en apenas unhas 3.000 vivendas ao longo de cinco anos, tanto no ámbito da promoción pública como da vivenda protexida impulsada por promotores e cooperativistas.

A conselleira contrapuxo esta cifra ao traballo xa desenvolvido pola Xunta, que ten en marcha máis de 4.000 vivendas de promoción pública en dous anos e unha planificación para impulsar 20.000 vivendas protexidas nos próximos catro anos. Nesta urbanización de solo a Xunta estima unha financiación da 350M€ “e, con este Plan estatal, soamente recibiremos 9M€”. subliñou

Destacou que Galicia conta cunha estratexia propia en materia de vivenda, baseada na planificación e no coñecemento das necesidades reais do territorio. Neste sentido, criticou que o Plan Estatal sexa pouco flexible e estableza condicións excesivamente ríxidas para a xestión dos programas, cando son as comunidades autónomas as responsables da súa aplicación.

Ao remate da súa intervención na Conferencia sectorial, Allegue reiterou que a Xunta cumprirá con aquilo que lle corresponde e aplicará o Plan Estatal de Vivenda, pero deixou claro que non comparte un modelo que considera insuficiente para responder ás necesidades da cidadanía. “Acatamos o Plan Estatal, pero por suposto non o compartimos”, concluíu.

Fonte.- Xunta de Galicia