A Xunta ofrece aos propietarios de parcelas afectados polos Proxectos de interese autonómico residenciais participar no desenvolvemento dos ámbitos | Observatorio de Vivenda

A Xunta ofrece aos propietarios de parcelas afectados polos Proxectos de interese autonómico residenciais participar no desenvolvemento dos ámbitos

A Xunta ofrece aos propietarios de parcelas afectados polos Proxectos de interese autonómico residenciais participar no desenvolvemento dos ámbitos

A Xunta ofrece aos propietarios de parcelas afectados polos Proxectos de Interese Autonómico (PIA) participar no desenvolvemento destes ámbitos. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, puxo hoxe en valor o desenvolvemento dos PIA, dos que 7 contan xa con aprobación inicial, e supoñen un proxecto común de cidade que permitirá o seu crecemento garantindo máis vivenda protexida.

A Xunta abrirá un prazo para que os propietarios de parcelas presenten as súas solicitudes se así o desexan para participar no desenvolvemento do ámbito. Os propietarios (que deben acreditar a súa titularidade antes da data de aprobación da delimitación do PIA) poderán facelo individualmente ou agruparse para presentar propostas, e deberán asumir os gastos de urbanización que correspondan, destinar a edificabilidade á construción de vivenda, solicitar a licenza urbanística e iniciar as obras no prazo que se fixe na resolución. A formalización realizarase a través dun convenio.

Allegue relatou todos os pasos que ten dado a Xunta a través da Estratexia Galega de Solo Residencial, pola que tomou a iniciativa de desenvolver ámbitos que “en moitos casos levaban décadas sen desenvolver por parte da iniciativa privada”. Trátase en todos os caos de ámbitos xa proxectados nos respectivos planeamentos municipais e cuxo desenvolvemento a Xunta costeará co obxectivo final de facilitar “máis vivenda protexida en zonas onde existe unha forte demanda”.

A Administración autonómica identificou nas grandes cidades e áreas metropolitanas as zonas con máis necesidade de vivenda e avaliáronse os ámbitos máis adecuados entre os delimitados como sectores de solo urbanizables nos respectivos planeamentos municipais. Deste xeito, todos os ámbitos están recollidos como de desenvolvemento “e estímase que son o lugar máis adecuado e lóxico para o correcto crecemento e desenvolvemento da cidade”.

Conformidade dos Concellos

A conselleira subliñou que en todo o proceso se contou coa participación Concellos, polo que todas as delimitacións dos PIA  “dispoñen de conformidade”. Neste momento, están aprobados inicialmente os PIA das grandes cidades (A Coruña, Santiago, Pontevedra, Lugo, Ourense e Vigo, ademais do de Arteixo), e prevese que a aprobación definitiva sexa este mesmo ano. Licitaranse os contratos de redacción dos proxectos de urbanización este ano e tras a aprobación definitiva, comezará a fase de expropiación.

Solos urbanizables

Allegue insistiu en que todos os solos dos PIA están clasificados como urbanizables, é dicir, aptos para converterse en urbano “tras as actuacións de transformación pertinentes”. Puntualizou que os ámbitos levan así delimitados “dende hai anos, nalgún caso mais de 40”, sen que se iniciara o seu desenvolvemento urbanístico por parte dos propietarios de solo. A conselleira subliñou que “un ámbito recollido no planeamento como urbanizable non pode permanecer bloqueado indefinidamente”. Por iso, en defensa do interese xeral, a Xunta asume agora a iniciativa do seu desenvolvemento.

Normativa estatal

No caso dos propietarios de solo afectados, recibirán o xusto prezo do solo conforme a normativa estatal de obrigado cumprimento para as comunidades, o RD 1492/2011 de 24 de outubro: “Non é a Xunta a que marca os prezos, é norma estatal”. E esta norma establece, a efectos de valoración das expropiacións, como básica de rural a situación daqueles solos reservados para a súa transformación mediante a urbanización, como é o caso destes urbanizables dos PIA. E establece como modo de valoración a capitalización de renda reais ou potenciaIs da explotación.

Deste xeito, os afectados poderán escoller entre a expropiación ou a participación no desenvolvemento do ámbito, para que que se abrirá un período para presentar a solicitude.

Propietarios de vivendas

No caso dos propietarios das vivendas, a Xunta xa mantivo contactos cos afectados para explicarlles a situación e os pasos, “porque son os maiores prexudicados e somos e seremos especialmente sensibles”. Neste senso, as consultoras xa están contactando con eles para realizar as valoracións.

Aos que posúan vivendas de residencia habitual e permanente, ofréceselles nunha vivenda de reemprazo, que poderán escoller, tanto en residencial colectivo como unifamiliar. Se así o prefiren, será o propio IGVS o que promova e constrúa a vivenda, e a superficie axustarase á superficie da que vaia ser expropiada, cun límite que equivale a aproximadamente 175m2 de superficie construída.

Se o propietario o prefire, abonarase o prezo xusto expropiatorio en metálico, nunha valoración con independencia do solo, ao tratarse dun ben inmoble. E se o expropiado quere unha parcela onde construír dentro do ámbito poderá adquirila, de xeito directo.

No caso de propietarios de vivendas que sexan 2ª residencia, terán dereito a recibir o prezo xusto expropiatorio da vivenda, e poderán adquirir de xeito directo unha parcela para a construción da súa vivenda dentro do ámbito.

Fonte.- Xunta de Galicia