A Xunta pon en valor a nova orde de rehabilitación de vivendas para reforzar o emprego de sectores estratéxicos en municipios do rural galego | Observatorio de Vivenda

A Xunta pon en valor a nova orde de rehabilitación de vivendas para reforzar o emprego de sectores estratéxicos en municipios do rural galego

A Xunta pon en valor a nova orde de rehabilitación de vivendas para reforzar o emprego de sectores estratéxicos en municipios do rural galego

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, mantivo un encontro con representantes da Entidade Urbanística de Conservación do Polígono Industrial Curtis-Teixeiro, no marco da rolda de contactos que a Consellería está a manter co tecido empresarial galego para avanzar en medidas adaptadas ás necesidades do mercado laboral, especialmente no ámbito rural. Durante a reunión puxo en valor a nova liña orientada á rehabilitación de vivendas, enfocada en concellos de menos de 20.000 habitantes, como Curtis, para o seu posterior alugueiro ou cesión de uso a persoas contratadas por empresas con centros de traballo en Galicia, dotada cun orzamento inicial de 1,5 M€.

Con prazo de solicitude aberto ata o próximo 15 de xullo, explicou que esta convocatoria bianual 2026-2027, impulsada conxuntamente polas consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, busca dar resposta tanto ás necesidades de man de obra do tecido produtivo, priorizando os sectores estratéxicos, como ás dificultades de acceso á vivenda das persoas traballadoras, ao tempo que contribúe á fixación de poboación e á vertebración do territorio galego.

González detallou que poderán beneficiarse destas axudas os propietarios, usufrutuarios ou cesionarios do uso das vivendas por un prazo mínimo de 10 anos, xa sexan as propias empresas contratantes ou persoas físicas, xurídicas e concellos que se comprometan a destinar os inmobles rehabilitados ao seu persoal traballador. Para garantir a cobertura das vacantes laborais, recorrendo, cando sexa necesario, á atracción de talento exterior, valorarase que as vivendas se destinen a persoas contratadas no marco do programa Retorna Cualifica Emprego, que mantén aberto o prazo de solicitude da convocatoria 2026-2027, ou beneficiarias das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME). Ademais, ao puntuar as solicitudes teranse en conta tamén outras cuestións como que as persoas destinatarias finais traballen nun sector estratéxico, a distancia da vivenda co centro de traballo, a demografía do municipio ou a sostibilidade da rehabilitación. 

Fonte.- Xunta de Galicia