A Xunta pon en valor a nova orde para rehabilitar vivendas destinadas a traballadores co obxectivo de cubrir vacantes e fixar poboación no rural | Observatorio de Vivenda

A Xunta pon en valor a nova orde para rehabilitar vivendas destinadas a traballadores co obxectivo de cubrir vacantes e fixar poboación no rural

A Xunta pon en valor a nova orde para rehabilitar vivendas destinadas a traballadores co obxectivo de cubrir vacantes e fixar poboación no rural

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo hoxe en valor a ampla batería de medidas impulsada pola Xunta a prol do emprego e do emprendemento con foco no territorio, destacando que o rural é unha fortaleza para Galicia e que a Comunidade ten capacidade para reter e atraer talento, así como vontade emprendedora para transformar os recursos nunha panca de futuro.

Así o manifestou na clausura do Encontro de Sober —no que tamén estivo presente o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, e o alcalde de Sober, Luis Fernández—, un foro organizado polo Centro de Estudos Superiores de Galicia (Cesuga), no que se deron cita entre onte e hoxe representantes do ecosistema empresarial, académico e institucional galego para debater sobre o binomio rural-industria.

Neste marco, González compartiu medidas innovadoras orientadas á revitalización do rural, como o lanzamento da primeira orde para rehabilitar vivendas destinadas a traballadores co obxectivo de cubrir vacantes e fixar poboación. A convocatoria, que se prevé publicar nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia (DOG), está dotada con 1,5 M€. Trátase dunha iniciativa conxunta das consellerías de Emprego e Vivenda que busca impulsar o alugueiro ou a cesión de uso de inmobles para persoas contratadas por empresas con centros de traballo en Galicia, concretamente en municipios de menos de 20.000 habitantes, contribuíndo á vertebración territorial. Poderán beneficiarse das axudas os propietarios, usufrutuarios ou cesionarios do uso desas vivendas por un prazo mínimo de 10 anos, xa sexan as propias empresas que contratan ou persoas físicas e concellos que se comprometan con elas a destinar os inmobles que rehabiliten aos seus traballadores. Ademais, valorarase que os inmobles se dirixan a persoas beneficiarias do programa Retorna Cualifica Emprego ou das bolsas BEME, contribuíndo así á atracción de talento exterior.

Precisamente neste ámbito, o conselleiro puxo en valor o impacto territorial do programa Retorna Cualifica Emprego, cuxa nova convocatoria abre o martes, cun orzamento de 2,3 M€ co obxectivo de facilitar o retorno de 200 galegos residentes no exterior. Neste senso, destacou que nas dúas edicións anteriores permitiu o regreso de preto de 400 galegos e galegas procedentes de 21 países a arredor de 60 concellos de Galicia.

Fonte.- Xunta de Galicia