A Xunta presenta ante a Unión Europea o investimento en mellora da accesibilidade á vivenda financiado co FEDER | Observatorio de Vivenda

A Xunta presenta ante a Unión Europea o investimento en mellora da accesibilidade á vivenda financiado co FEDER

A Xunta presenta ante a Unión Europea o investimento en mellora da accesibilidade á vivenda financiado co FEDER

A Xunta presenta ante a Unión Europea o investimento en mellora de accesibilidade á vivenda financiado con fondos europeos FEDER. O director xeral de Cohesión e Fondos Europeos, Ángel Tarrío Tobar, participa desde hoxe na reunión de revisión anual de rendemento dos fondos FEDER que se celebra ata mañá en Madrid e onde se aborda a modernización da política de cohesión, no contexto das novas prioridades da Comisión Europea.

Para iso celébranse dous obradoiros de forma paralela, centrados en temáticas destacadas e emerxentes e que supoñen importantes retos sociais e que gañarán presenza nos programas da política de cohesión: vivenda e resiliencia hídrica. Ángel Tarrío presenta, no panel sobre vivenda, os proxectos en materia de mellora de accesibilidade á vivenda que se queren incorporar ao programa FEDER de Galicia 2021-2027, dentro da planificación estratéxica en vivenda da Xunta de Galicia.

O obxectivo é aumentar o parque público de vivenda mediante un modelo eficiente, sostible e inclusivo, a través da promoción de nova vivenda pública e a rehabilitación en edificios situados en centros históricos para destinalos a alugueiro social, integrando os principios da Nova Bauhaus Europea: sustentabilidade, estética e inclusión.

As xornadas analizan o estado de situación e peche dos programas do marco 2014-2020, así como o avance e perspectivas de execución dos programas do período 2021-2027. Tamén se tratan temas actuais de xestión dos programas, como o uso de instrumentos financeiros, a avaliación de políticas públicas financiadas con FEDER e a comunicación e difusión dos proxectos.

Fonte.- Xunta de Galicia