A Xunta promoverá a rehabilitación de catro vivendas máis no Casco Vello de Vigo para continuar coa revitalización desta zona | Observatorio de Vivenda

A Xunta promoverá a rehabilitación de catro vivendas máis no Casco Vello de Vigo para continuar coa revitalización desta zona

A Xunta promoverá a rehabilitación de catro vivendas máis no Casco Vello de Vigo para continuar coa revitalización desta zona

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda anunciou unha nova obra de rehabilitación residencial no Casco Vello de Vigo que permitirá obter catro vivendas e un local comercial, cun investimento total de 675.000 euros.

Neste sentido, o Consorcio do Casco Vello de Vigo, promotor da actuación, procederá de inmediato a solicitar a correspondente licencia de obra ao Concello de forma que, sempre que a Administración municipal cumpra cos prazos estimados, a obra estaría en disposición de poder licitarse antes de que remate o mes de febreiro.

Así, desde o ano 2005 o Goberno galego investiu máis de 27,4 millóns de euros en actuacións de rehabilitación neste ámbito que permitiron poñer no mercado un total de 110 vivendas e 33 locais, contribuíndo deste xeito a que o Casco Vello recuperase actividade comercial e social. De todos os inmobles recuperados, 107 xa están actualmente ocupados por outras tantas familias, estando só tres aínda pendentes de adxudicación.

Esta aposta pola rehabilitación realizada nos últimos anos no Casco Vello de Vigo enmárcase, precisamente, nunha das liñas estratéxicas do chamado Pacto Social pola Vivenda, un documento no que se recollen case medio cento de medidas que marcarán a folla de ruta a seguir durante os próximos cinco anos e coas que se aspira a mobilizar 1.080 millóns de euros para axudar a máis de 70.000 familias.

 

 

Fonte | Xunta de Galicia