A Xunta recibe 6 ofertas para a redacción do proxecto e a construción de 264 vivendas públicas en Xuxán, licitadas cun investimento de 51,5 M€ | Observatorio de Vivenda

A Xunta recibe 6 ofertas para a redacción do proxecto e a construción de 264 vivendas públicas en Xuxán, licitadas cun investimento de 51,5 M€

A Xunta recibe 6 ofertas para a redacción do proxecto e a construción de 264 vivendas públicas en Xuxán, licitadas cun investimento de 51,5 M€

A Xunta vén de recibir 6 ofertas de empresas para a redacción do proxecto, a dirección de obra e a construción de 264 novas vivendas públicas no barrio de Xuxán, na Coruña, licitadas nun contrato por importe de 51,5M€, que supón o maior investimento en vivenda pública nesta cidade.

A licitación destas 264 vivendas realízase con fondos autonómicos e as vivendas construiranse con técnicas industrializadas. Deste xeito, establécese nas bases da licitación a obrigatoriedade do emprego destas técnicas e só se terán en conta as propostas que acaden unha puntuación mínima nesta materia. Valorarase tamén o uso da madeira.

Hai que lembrar que a Xunta ten tamén en licitación a redacción do proxecto e a dirección de obra para outras 264 vivendas públicas noutra parcela en Xuxán, para a que se recibiron 20 ofertas que están a valorarse.

En total, son algo máis de 1.000 as vivendas que a Xunta ten en marcha na Coruña.  Inclúense neste cómputo, ademais deste total de 528 vivendas, as tres promocións que están en obras en Xuxán para 104 vivendas, así como os 150 aloxamentos compartidos para menores de 36 anos e os 168 fogares públicos en Elviña, para cuxo proxecto convocouse un concurso de ideas.

Tamén están licitadas as obras de 12 vivendas en Porticada e en redacción os proxectos de 58 vivendas nos Rosais e 30 en Pedro Fernández, nos solos cedidos polo Concello. E están licitados os proxectos para a conversión de locais en 5 vivendas.

Fonte.- Xunta de Galicia