A Xunta reforza o seu apoio á mocidade con 3 millóns de euros para o Bono Emancípate | Observatorio de Vivenda

A Xunta reforza o seu apoio á mocidade con 3 millóns de euros para o Bono Emancípate

A Xunta reforza o seu apoio á mocidade con 3 millóns de euros para o Bono Emancípate

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, destacou que o Goberno galego “continúa acompañando á xuventude no seus proxectos de vida” con programas como o Bono Emancípate. Fíxoo durante a visita a unha das beneficiarias da última convocatoria destas axudas, onde aproveitou tamén para recordar que o prazo de solicitude da actual continúa aberto ata o 30 de abril, ou ata esgotamento de crédito.

Estas achegas, dirixidas a persoas menores de 36 anos que alugaran ou mercaran unha vivenda con posterioridade ao 30 de abril de 2025 e antes do remate do prazo de solicitudes, están destinadas a contribuír a sufragar os gastos derivados da emancipación nun domicilio distinto ao dos proxenitores (excluíndo os do prezos de adquisición ou da renda de alugamento). Deste xeito, as contías serían de 1.500 euros, no caso dos arrendatarios, e de 3.000 euros para persoas que adquirisen unha vivenda.

Unha vez concedidos, estes importes faranse efectivos a través dunha tarxeta moedeiro virtual expedida ao nome da persoa beneficiaria. Esta será válida ata o 31 de decembro de 2026. Con ela, poderán realizar as súas compras en establecementos de venda de mobiliario, electrodomésticos, tendas de decoración e outros establecementos especializados e grandes superficies que teñan establecemento aberto en Galicia,  “apoiando así tamén o tecido comercial e a economía local”, apuntou a delegada.

Aneiros destacou a alta demanda da pasada convocatoria, con máis de 3.700 solicitudes en todo o territorio galego, o que motivou o incremento dun millón de euros para a actual, que conta cun orzamento de 3 millóns de euros. Con esta subida, o executivo busca “chegar a máis mozos e colaborar cos primeiros gastos do seu fogar, complementando tamén as políticas de vivenda”, sinalou a delegada.

Fonte.- Xunta de Galicia